Un camiño de trinta anos

Para un ser humano 30 anos é estar aínda de cheo na xuventude, pero para unha entidade cultural supón un longo percorrido con todas as cargas positivas e negativas que iso reporta porque na vida nada é un campo de rosas, nada transcorre  en base aos acertos plenos.  O Club de Prensa de Ferrol naceu co espírito dunha asociación cultural  baseada na colaboración de xente que dalgunha maneira tivese que ver co mundo da comunicación, idea que sempre intentamos transmitir e na que logo de 30 anos seguimos mergullados. Algunha vez confundíusenos cun sindicato e outras cunha asociación destinada só aos profesionais do xornalismo. E digo isto desde a miña situación de non ser un profesional da prensa e si un colaborador curioso que dispón desta “mirada poliédrica” para manifestar o  meu parecer sobre cousas e feitos que me motivan ou preocupan.  Son membro deste Club dende hai anos, bastantes anos. Intentamos que xornalistas e colaboradores teñan un espazo onde acougar as súas inquedanzas culturais, dispoñemos dunha revista FerrolAnalisis de periodicidade anual na que poden expresar a súa creatividade fora das redaccións nas que habitualmente traballan. Algúns xa o estan a facer, pero esperamos que sexan máis.  Promovemos o certame de fotoxornalismo Galicia en Foco que xa é unha referencia no mundo da imaxe na prensa e que xa vai na súa 26 edición ( pendurada estes días no Ateneo), organizamos o Curso de verán de Pensamento e Comunicación,  Carlos Gurméndez considerado xa coma un dos cursos de verán con máis implantación e repercusión en Galicia, argallamos  en maio o Premio á Liberdade de Prensa Xosé Couso xunto ao Colexio de Xornalistas de Galicia con sona en todo o estado, creamos un Premio de Xornalismo que leva o nome de Luis Mera en lembranza do que fora un dos necesarios promotores e impulsores do Club, levamos adianate todos os meses Conversas no Parador onde os xornalistas e invitados manteñen palestra cun personaxe de relevancia social e apoiamos presentacións de libros ou documentais que leven implícito o selo da comunicación.  Reitero, en trinta anos houbo de todo, como na vida, pero sen dúbida o balance ata o de agora foi positivo. O pasado venres celebramos o noso 30 aniversario cos socios e amigos nunha velada entrañable , e hoxe permitínme facer este encomio da entidade á que pertenzo para compartilo cos meus lectores  e proclamar o desexo de seguir facendo camiño e andar polo menos outras trinta primaveras máis. E que vostedes o vexan.
 

Un camiño de trinta anos

Te puede interesar