Estamos como quen di no segundo intento de entrar nese distinguido club de cidades patrimonio da humanidade. Non coñezo o contido do dossier onde van especificados os méritos que esgrimimos para entrar no grupo dos elixidos e xa que logo só poido manifestar a miña opinión sobre a idea en xeral sen entrar nos pormenores do proceso. Os Arsenais e os baluartes defensivos?, o barrio da Magdalena en conxunto con Ferrol Vello?, Ferrol coma xenuína cidade da Ilustración englobando todo iso? Non é unha tarefa doada convencer aos comisarios que deciden entre as candidaturas presentadas. Imaxino que para comezar habería que prresentar a Ferrol coa mellor das súas facianas, unha cidade do século XVIII onde viven cidadáns do século XXI, coa súa xenuína idiosincrasia, cos seus edificios e rúas no mellor estado de revista o mesmo cos seus arsenais e castelos. 0 da Palma non pertence a Ferrol, pero poderíase incluir no paquete, así Mugardos engadiriá ao expediente o seu grao de area malia estar nun palpable estado de abandono e pertencer na actualidade a unha empresa privada que pensaba convertelo nun establecemento hostaleiro de luxo. E que dicir da cidade, do seu casco urbano? O actual estado das rúas, cheas de baches, co pavimento afondado visiblemente deteriorado, o barrio de Ferrol Vello abandoado a súa sorte, etc, non axuda a ser moi optimistas. Por iso dicía antes que non é nada doado manter sen actuar, sen un plan de recuperación no que, imaxino, terán que intervir diversos organismos, técnicos, arquitectos urbanistas, etc., e a todo iso hai que lle botar tempo, moito tempo. É como cando un preséntase a unhas oposicións: débense levar os temas preparados e aínda así non tes garantía de sacalas á primeira, pero se non os levas , seguro que fracasas. Gobernar é dificil e moito máis se non contas cos apoios precisos. Ferrol sempre arrastrou ese estigma de gobernos en precario, de alianzas que non se sosteñen, de compañeiros de viaxe que á primeira abandonan o barco, de intereses partidistas por riba dos que necesita a cidadanía e así manter unha gobernanza resulta practicamente imposible. Asi as cousas non sei como nos vai ir coa candidatura de Ferrol a patrimonio da humanidade. O mesmo conviría traballar para que Ferrol fose primeiro patrimonio dos seus habitantes, unha cidade perfecta para vivir e logo xa virán os recoñecementios. Malia a todo, non perdámos a esperanza.