Sondobar

Creo que se foi perdendo a costume de cantar nos bares, nas tabernas, cousa que antano era habitual. Pero non só xa non se canta nos bares senón que tampouco se fai na casa onde a canción era compañeira inseparable das tarefas domésticas. Polas fiestras abertas saía o son da casa, voces case sempre femininas entoando cancións populares. Redeiras, mariñeiros, carpinteiros, albaneles cantaban tamén namentres traballaban. Que pasou? Era entón a xente más feliz que agora? Era a canción unha manifestación de evasión  dun pobo coa liberdade conculcada? Falo do tempo da miña nenez cando na escola cantabamos o “Cara al Sol” e non precisamente en acción voluntaria. Pero no bar sempre aparecía alguén cunha guitarra ao que axiña se engadían expontáneos cantores. Todo iso foi desaparecendo porque os tempos foron cambiando e eu non diría que calquera tempo pasado foi mellor, lonxe de min esa intención, pero boto de menos aquelas manifestacións musicais na súa máis pura expresión. 
O outro día no teatro Jofre de Ferrol produciuse unha revitalización da canción tabernaria, unha reafirmación do sentir popular da man de Manolo Bacalhao, fiel representante desa canción que transcorre entre grolo e grolo. Acompañámolo un grupo de amigos que nos engadimos á festa e por suposto os clientes do bar que o ateigaban ata non poder máis. 
Pero non nos enganemos, non pensemos que a canción de Manolo Bacalhao queda na intrascendencia mesturada co efluvio dos viños, non, a súa canción vai moito máis aló, contén compromiso e reivindicación, decidido empeño na defensa do propio comezando por esa xoia do noso patrimonio que é o idioma e pola xente do común. Isto entendeuno o público que se sumou á troula o mesmo que facían outrora os clientes no bar cando alguén comezaba a cantar. Todo resultou ser un momento máxico que chegou ao cenit emocional cando Manolo requeriu a presenza no escenario dasúa nai de 86 anos para cantar con ela. Naquel intre lembrei cando eu cantaba tamén coa miña nai coas fiestras abertas naquel tempo ao que me refería ao comezo deste comentario: eu sentado ao piano e ela entoando comigo atarefada nas súas cousas.
Foi un pracer colabourar con Manolo Bacalhao anegando o teatro co Sondobar, de cancións cos músicos e co resto de amigos que se sumaron á festa. Oxalá rexurda o ánimo que nos empurre de novo a cantar, a cantar como antes coa expontaneidade das cousas que saen do máis recóndito do sentimento.
 

Sondobar

Te puede interesar