Non son horas

Absolutamente pausible a idea de programar música en Mugardos no verán cando a xente semella estar receptiva a calquera manifestación lúdica e disposta a colaborar. Aplaudo a iniciativa e o fago con máis forza se cabe por ser a música de jazz a que ocupou un tempo no devir estival da miña vila o fin de semana pasado e por ser esta unha manifestación musical ante a que sinto especial predilección.  Felicidades pois aos  promotores da iniciativa. Pero dito isto non teño máis remedio que afirmar que non son horas. A unha do mediodía non é unha hora doada  para escoitar jazz: si, xa sei que mellor é iso que nada pero coa miña opinión só pretendo reflexionar sobre a conveniencia de programalo doutro xeito. Como con todas as manifestacións artísticas é preciso crear unha atmosfera axeitada e co jazz a cousa resulta condición sine cua non . Por exemplo: o jazz  acada o seu máximo paroxismo  se o escoitamos con nocturnidade, premeditación e se acaso con aleivosía.  Facelo a unha da tarde a pleno sol, de pe e con coches circulando a tres metros do escenario, non me dirán que o encanto se dilúe por non dicir  se ausenta. Evidentemente estou a falar das condicións que requiren os amantes do jazz, non desa xente que tanto lle da a música que escoitan, esa que queda nun segundo plano amenizando, como música que chaman de ambiente. Errada definición porque é precisamente á música á que conven situar no ámbito preciso. Tamén é verdade que esta manifestación de jazz en Mugardos foi unha cesión da concellalía de cultura do Concello de Ferrol  e como tal había que tomalo incluíndo este horiario a todas luces intempestivo.  Pero, o dito, ben está aceptalo e agradecelo pero se pensamos repetir podémolo mellorar se respectamos certas condicións.
Por outra banda eu pregunto se poderíamos  ser autónomos na organización deste tipo de eventos contando se fose necesario coa axuda de algunhas entidades privadas e institucionalizar un “ Jazz en Agosto” en Mugardos ben estructurado cunha programación atractiva que anime aos amantes desta música a que veñan porque Mugardos é destiño non unha vila de paso. Galicia conta con excelentes músicos que fan jazz cunha dignidade constatada e para eles “un agosto en Mugardos” podería supor unha plataforma para amosar a súa creatividade. Por aí poderíase empezar e logo xa veríamos. En fin é só unha idea pero o mesmo non sería descabelado sentarse e falar.
 

Non son horas

Te puede interesar