O curso Carlos Gurméndez

O pasado venres  finalizou a XX edición do Curso Carlos Gurmendez  que tivo lugar no paraninfo da Universidade.  Este evento ven de ser nestas datas unha cita  para os profesores de secundaria e para todos aqueles que sentan curiosidade polos temas propostos, xa que a entrada é libre e gratuíta. Para os organizadores debe ser unha satisfación ver coma ano tras ano, e xa van vinte, a asistencia manténse nunha alta participación.  
Os temas do Curso, que organiza o Club de Prensa, dunha ou doutra maneira teñen que ver co mundo da comunicación. O deste ano xirou en torno a “Un século de imaxes, comunicación arte e sociedade” ; como ven, incardinado de cheo no mundo da información cun resultado tan interesante coma o que todos os asistentes esperaban.  Ali estivo presente a  linguaxe da fotografía,  a retórica visual fascista no film da montaxe, a arte abstracta e pop, o comic coma a novena arte, o documental, a arte de masas e o exterminio masivo, a historia do fora de campo no cine, a imaxe da muller no cinema español e a violencia na televisión. Como ven un amplo menú  que os asistentes probaron con gusto.
E xa van vinte anos dende que aló no ano 1998 tivera lugar en Pontedeume o primeiro curso que levou por titulo xenérico “Carlos Gurmendez: filósofo e xornalista” porque nacia precisamente para honrar a memoria deste profesor, diplomático e xornalista, un dos fundadores do diario “El Pais” no que escribiu espléndidos artigos, que pasaba tempadas  en Centroña na que segundo manifestou, escribiu parte dos seus máis importantes ensaios. Por  estrañas razóns que agora non veñen ao caso o curso tivo que trasladarse a Ferrol, ás instalacións da Universidade, que o acolleu, como non podía ser doutra maneira, cos brazos abertos. A estas alturas xa ven sendo un curso de referencia en Galicia nos albores do estío. 
É así mesmo unha oportunidade, fora dos relatorios, de coñecer máis de preto, nese terceiro tempo empregado para tomar un café,  aos conferenciantes e departir conversa con eles propiciando unha proximidade que tamén é consubstancial á filosofía do curso. 
En fin foron tres días para compartir histórias, para debater e nalgún caso para discutir coma debe ser nun curso que se prece, pois dentro dun foro universitario non se concibe un curso light, totalmente aseptico e xa que logo insusbstancial. Non tería sentido.  Temos un ano por diante para preparar o seguinte e nesas estamos.
 

O curso Carlos Gurméndez

Te puede interesar