• Martes, 26 de Septiembre de 2017

Coches e peóns

O coche pasou de ser un símbolo de acomodo social a unha ferramenta case imprescindible para o desenvolvemento do noso devir vital, tanto que pide acomodo, espazo á conta de que o peón vaia prescindindo do seu.

O coche pasou de ser un símbolo de acomodo social a unha ferramenta case imprescindible para o desenvolvemento do noso devir vital, tanto que pide acomodo, espazo á conta de que o peón vaia prescindindo do seu. A miudo vemos como os coches van gañando sitio esixíndonos atención ata o punto de converterse nun membro máis da  familia necesitado de mimo, atención e agarimo.  Sabe como engaiolarnos porque é consciente que o necesitamos.  Moitas vilas e cidades non están deseñadas para acomodar a tanto vehículo na rúa e a súa masiva presenza está xa creando serios problemas para o normal desenvolvemmento da vida; tanto é así que moitos concellos contan no seu persoal con arquitectos urbanistas para que traten de dar solución a un problema que se nos está indo das mans. A tendencia é converter os núcleos urbáns en espazos para gozo dos cidadáns  indo na procura de que os coches  deixen máis lugar aos peóns e non viceversa. Algunhas cidades o están conseguindo, vexan por exemplo a Donosti onde abundan as zonas peonís, onde os seus habitantes pasean por gran parte da cidade sen a interferencia dos coches.  Seguro que no principio houbo os seus problemas pero hoxe todo o mundo está contento. O mesmo acontece con Barcelona onde unha arquitecta ferrolá, Maíta Fernández, está a traballar para outorgar á Cidade Condal de máis zonas peonís. Ao final a xente agradece este esforzo porque se decata que o resultado é bo para o conxunto da cidadanía. E esta é a tendencia da que non quedan excluídas as vilas como é o caso da miña, Mugardos, onde a modo experimental, e con certa controversia, estáse facendo peonil o paseo marítimo ata o primeiro de outubro.  As críticas máis negativas parten dos propietarios dos establecementos de hostalería que din ver mermadas as súas facturacións. Como se trata dun plan experimental haberá que atopar algunha solución pero do que non cabe dúbida é que ao tempo sería oportuno convencer aos automobilistas que non é preciso ir de viños no coche.  Eu que vivo na fachada marítima da vila estou ledo con esta medida experimental que, como tal ten as súas goteiras que haberá que tapar pero unha vez superados estes atrancos estou convencido que este espazo peonil será beneficioso para todos incluídos, claro está, os once establecementos hostaleiros. Xa veremos.