Camiño cara a ningures

uedei abraiado polo criminal atentado doutro día en Barcelona, nas Ramblas por onde teño ruado tanto. Vivín un tempo nas Ramblas,  no hotel “Oriente”, un vetusto pero coqueto establecemento situado no corazón  desa alameda case sempre chea dun xentío variopinto, tanto que resultaba un verdadeiro espectáculo  deambular  e mesturarse  con toda aquela xente que bulia animadamente por alí. Uns asasinos descerebrados, algún ata menor de idade, racharon co encanto, mataron indiscriminadamente, covardemente. Van por un camiño que non leva a ningures. Nada van conseguir agás matar porque iso foi o que conseguiu ETA con mais de mil mortos ás súas costas e será o que estes do Daesh acaden: nada. Todos os medios falan da barbaridade, os políticos da solidariedade, da liberdade e da necesidade de estar unidos na desgraza  pero aínda non vin ningún comentario que analice en profundidade a causa, o porqué desta atrocidade (preguntamos ao trío das Azores?) Por qué uns mozos que aínda viven con 600 anos de retraso sen apenas formación deciden matar e morrer imbuídos nun fanatismo relixioso que só ten parangón na Idade Media cando a civilización occidental, é dicir nós, loitaba e masacraba aos infieis. Recorden cando no século XIII os cruzados toman a cidade francesa de Béziens coa encomenda de arrasala e de eliminar a todos os herexes. Os executores preguntan ao abade de Citeaux como saber os que son descreídos e os que non e o prelado responde: Morte a todos que Deus elixirá! E leváronse por diante a máis de 20.000 persoas.  Aqueles bárbaros acadaban indulxencias e estes criminais van ao paraíso así que non lles importa morrer pola cusa. Visto así abofé que non hai moita diferencia entre uns e os outros. O caso é que non resulta nada doado prever estes atentados. Os chaman lobos solitarios nunha flagrante perda de respecto aos lobos pero a verdade é que calquera con un coche pode cometer unha masacre e temos que estar afeitos a esta circunstancia. Ninguén ata o de agora puxo sobre o tapete a maneira de acabar con isto. Se por desgraza atentan outra vez, que o farán, volveremos a falar de barbaridade, solidariedade, unión na desgraza, faránse manifestacións  de condena e ata o seguinte.  Hai outro perigo que  é confundir aos árabes cos terroristas. Unha maneira de comezar a rematar con isto sería que os musulmanes de ben convenceran aos radicais que Alá non desexaba que mataran no seu nome; o mesmo que Xesús, vamos. Pero o mesmo é pedir demasiado.
 

Camiño cara a ningures

Te puede interesar