As Fragas

Baldado de tanto procés, canso ata as trancas da  mediocridade politica dos que gobernan, aburrido do brandir de tantas bandeiras, un necesitaba certo sosego e consolo para o espirito, así que nada mellor que coller a mochila e tirar a andar buscando abeiro na natureza, lonxe dos ruídos conspirativos.  Collimos pois o petate e encamiñámonos cara as Fragas do Eume, lugar maravilloso e máxico onde os haxa. E comezamos a camiñar na Capela polo sendeiro medieval que vai dende aí ao mosteiro de Caaveiro, non sen antes facer unha visita á Casa do Pazo onde está o museo Etnográfico para logo deixar á dereita a igrexa de Santiago da Capela  de planta románica do século XII e tomar o camiño ancestral rumbo ao mítico cenobio. Impresionante o bosque con diversas tonalidades verdes matizadas por unha luz que dificilmente as copas dos árbores deixaban chegar ao chan. Carballos, ameneiros,  freixos, castiñeiros, acivros, bidueiros, abeleiros compuñan a fraga maravillosa felizmente recuperada do pavoroso incendio devastador de abril de 2012.  O mosteiro alí abaixo aparecía coma unha illa fantástica nunha mar verde pola que navegabamos escoitando só os nosos pasos  sobre unha terra seca e pedregosa onde dificilmente chegaba o sol. Algúns cauces de regatos sen auga delataban a sequia pola que estamos a pasar. Abaixo, no mosteiro á beira do río Sesín, fixemos parada para recuperar forzas. A pouca auga trascorría serpenteando entre as pedras: contemplar o seu fluír baixo a ponte cara ao Eume,  un bocata e unhas pezas de froita axudaron a tomar bríos para abordar a empinada subida que nos quedaba por un serpenteante camiño cara ao parque Etnográfico de Sesín, lugar sorprendente sobre todo pola sensación de paz que experimentas ao chegar alí. Este sitio merece por si mesmo un comentario que seguramente farei  nunha nova achega. O día máis que otoñal semellou veraniego  cunha temperatura ambiente que dificilmente amortiguaban as árbores da Fraga.  Os ourizos das castañas polo chan dicíanos que efectivamente estabamos no outono que se resiste a entrar, o mesmo que as bagas dos acivros féminas que aparecen en outono e inverno e que lle dan a este pequeno árbore protexido un aspecto peculiar.  Nas Fragas  esqueces todo o que deixas atrás e ves como a Natureza marca os tempos, sendo ti nada máis que un invitado, un entremetido satisfeito e agradecido.  Volverei.
 

As Fragas

Te puede interesar