AQUÍ PAGAN OS DE SEMPRE

O outro día atopeime na rúa cunha amiga que andaba desacougada por mor do papelexo que ten entre mans logo de se quedar viúva. Fina está indignada con tanto formulismo e cos drásticos recortes que sufriu nas súas prestacións, tanto que cando me viu díxome: “xa que dispós dun espazo no xornal, menciona as dificultades polas que están a pasar as persoas que se atopan en similares circunstancias ás miñas”. Quédalle, segundo manifestou, un 30% da pensión que lle correspondía ó seu home e un sen fin de recortes noutros conceptos, coma por exemplo no ámbito sanitario no que “Isfas” tamén anda a recortar o que pode e máis.  Tanto era o seu desasosego e o seu desencanto cos que deciden estas cousas,  que non estaba segura de a quen ía votar nestas próximas eleccións sabedora de que son os políticos os causantes destes asuntos lesivos para tanta xente. Comprendo a Fina perfectamente, entendo o seu  cabreo porque moita xente coma ela fica indefensa diante destas circunstancias anómalas que propician un xiro copernicano cara a empeorar as cousas, e a entendo máis se cabe  porque ela forma parte dese colectivo (inmensa maioría) que está a pagar os pratos rotos dunha política errada encamiñada a dilapidar unha serie de prestacións sociais ás que chegamos logo de moito tempo de loitas e reivindicacións e que agora se veñen abaixo por mor desta enorme estafa á colectividade chamada crises. “Crises, what crises?” é un excelente LP do grupo Supertramp en cuxa portada figuraba un tipo descansando pracido baixo unha antuca tomándose un cubata ou o que sexa diante dunha paisaxe empobrecida e desolada; e o tipo dirá: “crises, que crises? : a min non me toca nin de lonxe”. O folgazán que observa dende a súa atalaia privilexiada baixo o parasol é, seguramente, o causante desa paisaxe ruinosa. Igualiño cós políticos ineptos que son os cómplices desta crises  imperante da que algúns sacaron e están sacando pingüe tallada e que estamos a pagar xente coma Fina  que nada tivemos que ver neste escandaloso asunto. Observan dende os seus escanos o derrubo dun pais  que se esboroa namentres eles manteñen os seus privilexios . Din que se crean postos de traballo, pero non especifican que clase de postos de traballo, din que a macroeconomía crece, pero a xente do común non o nota, din que a este paso si lles votamos poderán crear oitocentos mil postos de traballo ó ano. O mesmo quixeron dicir oitocentos ou mil. En fin, din que farán... din que farán e farán e seguiran dicindo que xa no estamos na crises, esa da que tanto beneficio quitaron e están a quitar os “ratos e as ratas” que roubaron e rouban nas nosas despensas ata deixalas baleiras. Din que crean emprego entanto os nosos técnicos e licenciados terán que coller as maletas para andar fora na procura dun traballo digno; “mobilidade externa” chámanlle eufemisticamente estes caralláns. Destes mangantes o único que se vai fora son os cartos rumbo ós paraísos fiscais logo de defraudar ó pobo ó que din defender. E o curioso é que despois de todo piden á xente que lles siga outorgando autoridade para decidir sobre as  nosas vidas e facendas. E a xente “normal” dállela. Fina, amiga, non sei que che dicir, non sei como darche ánimos ante semellante panorama, non sei se coa elección de novos representantes vanse solucionar a cantidade de problemas que nos abafan, non sei como a xente prefire malo coñecido que bo por coñecer, non sei se a xente “normal” vai seguir votando ós que gobernan o algúns vanse a pasar ó grupo de “anormais” que votan outra cousa entre os que me atopo. En fin, non sei, non sei... tan solo sei, como dicía o filósofo, que nada sei. E nesas andamos.

 

AQUÍ PAGAN OS DE SEMPRE

Te puede interesar