Andrés Suárez

Non puiden acudir ao concerto que Andrés Suárez ofreceu en Ferrol e ben que o sentín. Tiña interese en escoitar a este músico en directo nun recinto cunha boa acústica. Pero o que non estivera o outro día no concerto non significa que non sega o seus pasos polos intricados e as veces procelosos camiños da música. Dende que  o escoitei por primeira vez souben que aí había un músico con talento, un autor cun selo moi persoal que, a pouco de ter sorte, unha circunstancia esta que tamén conta para camiñar con seguridade pola ruta que marca o pentagrama, acadaría un lugar importante dentro da música deste país, escasa hoxe en día de autores que chamen poderosamente a atención.
Estiven só unha vez con Andrés Suárez, nun encontro casual no que intercambiamos uns minutos de agradable conversa. Dende o primeiro momento reparei que o meu interlocutor tiña a cabeza moi ben amoblada, que sabía perfectamente o que quería e que estaba disposto a acadalo con  ese ímpeto dos que están seguros do que  fan.  Máis tarde intercambiamos un par de correos, un pouquiño de música e os nosos camiños seguiron por onde andaban denantes dese encontro. Andrés tivo a coraxe de saír de Ferrol sabendo que para avanzar con solvencia polos sendeiros musicais hai que situarse nos centros neurálxicos onde se manexa o cotarro, onde están as oportunidades, os produtores importantes e as editoriais discográficas, e decide con apenas vinte anos marchar cara a conquista dese soñado Dourado.  E aí está camiñando con paso firme na compaña dunha música chea de sensibilidade, case dun romanticismo moi pouco ao uso nos tempos que corren e aí pode que radique a súa entrañable orixinalidade. Quen nos ía dicir que a parcela sentimental podería ocupar un lugar neste mundo absolutamente materialista nos que nos tocou vivir arestora da man dun músico novo que adorna cun gran acerto uns textos moi ben elaborados, unhas mensaxes nidias,  cunha calidade nada frecuente na maioría dos autores que hoxe se moven polo panorama musical deste país. Por iso Andrés Suárez está a piques de coller a crista de esa ola tan desexada que o deixe na area da praia onde están os cantautores máis significados do panorama musical deste país, unha ola  desas da praia de Pantín que tanto observou Andrés quizais pensando en eses ventos mareiros que o levaran cara ao mundo levando de equipaxe esas cancións cheas de amor que nos amosa, as relacións sentimentais, o amor con todas as vertentes complicadas nas que se desenvolve, coa felicidade de quen o posúe e coas desventuras de quen o perde pero sobre todo con esa morriña que traspasa os seus textos, un amor moitas veces vivido dende a nostalxia que proporciona a distancia e tamén a realidade da ruptura. Non é nada doado atoparse hoxe cun autor así no panorama musical español onde a simpleza  abonda máis ca sutileza intelixente, esa que amosa no seu traballo Andrés Suárez.
Chegar arriba, a ese lugar ao que acceden poucos, non é fortuíto. Un bo músico faise con traballo, golpe a golpe, canción a canción e Andrés Suárez no é un produto da casualidade. Cando se toman as cousas en serio pode que ocorran dúas cousas: que malia iso ninguén che faga caso ou todo o contrario, e isto é o que lle está a acontecer arestora a Andrés Suárez.

Andrés Suárez

Te puede interesar