• Jueves, 23 de Noviembre de 2017

Que ninguén lave as mans

Que ninguén se lave as mans, nin sequera Poncio Pilatos… Recordas amigo Sidre que fai ben anos xa falabamos do abandono desta nosa terra meiga

Que ninguén se lave as mans, nin sequera Poncio Pilatos… Recordas amigo Sidre que fai ben anos xa falabamos do abandono desta nosa terra meiga. Do abandono e da desidia a que está castigada, sen cometer delito algún, por aqueles que prometeron e se comprometeron a loitar por ela con corpo, alma e honradez.
Falabamos de que uns fillos eran case que escravos e de que outros a explotaban e a gozaban. De que uns tiñan que ir ganar o caldo ao extranxeiro e de que outros viñan acó de carallada, degustar os bos productos mal pagados no lugar de orixe que os uns con tanto esforzo, co sudar da fronte, a dor das costas, os calos nas mans e o lume na horta ao pé das casas e o medo facéndolles tremer todo o corpo.
Quizais por costume, por tradición, ou porque hai moito tolo ceibo, coma todos os anos, Galiza arde polos catro costados cada vez máis. Non, non vou enarborar a pancarta de “Nunca máis lume”, outra vez. Sempre fun e sigo sendo partidario da loita cívica contra das inxustizas e critico cando teño ocasión dando a cara, cando os políticos, os gobernos non defenden o mandato do pobo, cando menten descaradamente e ano tras ano “siempre se repite la misma historia”, como é o caso do lume, que tanto dano fai a este país con tantos problemas acumulados, que parece ser os que gobernan non ven, que xa hai que ter problemas de vista para que se dean tales circunstancias.
Digo que non enarboro a pancarta, xa o fago aquí. Tampouco me vou achegar a Aladino o xenio da lampada máxica para que faga un milagre, por se chego en mal momento, se erguera furioso e fora peor o remedio que a enfermidade.
O que fai falla é “vontade política”. Que dúas palabras tan interesantes, fermosas e que fardan en calquera parlamento, anque sexa tomando un café cos amigos ou nas reunións dos veciños. Mais se a houbera, política ou social, e todas e todos os galegos, señoritos, labregos, mariñeiros…, achegáramos o noso graíño de area e contribuíramos para que non haxa incendios, outro galo nos cantaría ao pobo galego, e non sería o de Morón. Sen dúbida é necesaria urxentemente unha política forestal a largo prazo. Un plan no que participen goberno, oposición e todas as entidades afíns, sindicatos, asociacións de montes, técnicos medioambientais. Eso si, para razonar, non para facerse a foto e logo tirarse os trastos á cabeza. Recuperar o agro, fixar poboación, limpeza e recollida dos restos das talas, todo o ano, un tras doutro. Invertir en prevención de xeito que, anque os criminais incendiarios queiran prender lume, o lume non lles ovedeza.
Recordas amigo Sidre cando falabamos do deterioro do rural. Dicías ti que, daquela, cando cada quen coide o seu e respete o de todos. Daquela cando os políticos practiquen unha política respetuosa co chan. Daquela en que todos nos decatemos de que a Nai Natureza é primordial. Daquela en que a xente do campo non teña que emigrar. Daquela en que non teñemos que fuxir do lume, nin vivir nun país no que primen os intereses privados por enriba dos públicos. Daquela.  Cando será daquela? Que ninguén lave as mans, e menos os que están gobernando.