No recordo, Pérez Parallé

O pasado día 1 deste mes fixo 29 anos que morreu don XoséMaría Pérez Parallé. O día 2 de novembro de 1987, Día de Difuntos, no vello camposanto de Barallobre ás 17 horas estabamos dando o derradeiro adeus ao Poeta Azul de Ferrol, o segrel de Sandulfe, como popularmente era coñecido.
Don XoséMaría, home fidalgo e nobre pola súa xenerosidade e grandeza de espíritu, defensor que foi da cultura desta Nosa Terra, gran comunicador e traballador incansable ata a súa morte. 
Recordo naquel pequeno, pero ben coidado cemiterio parroquial, dende o que se ve a ría de Ferrol á que tanto amaba e tantos poemas dedicou, rendíaselle o primeiro homenaxe de morto ao admirado poeta autor de tantos poemas e letras de cancións dos que emanaban aromas de mar, flores de primavera ou terra húmida mesturado sempre con caricias e bicos de amor. 
Pérez Parallé, incansable colaborador e animador en actos culturais por todas as sociedades que desexaban a súa participación e presencia. 
Aquel funesto 2 de novembro, o cemiterio quedouse pequeno ante tanta xente alí presente chegada de tódalas contornas. Nenos e adultos, familias enteiras de tódalas ideoloxías e de tódalas condicións sociais. 
Xente da cultura, da ensinanza, exalumnos, traballadores e xefes de Astano (onde foi subdirector das escolas de aprendices e bibliotecario), mariñeiros, do agro, da Universidade, cregos e tanto máis estaban alí presentes para despedir ó veciño, ó mestre, ó amigo. 
Eu sentíame apenado pola morte do mestre e amigo, pero ó mesmo tempo orgulloso porque non era eu só o amigo. Tiña centos, e estaban alí. O pobo enteiro. 
Ducias de coroas e ramalletes de flores portadas por representantes de concellos e diferentes asociación veciñais, musicais, da ensinanza e da cultura íanse depositando diante da súa tumba. 
As bágoas esvaraban por moitas meixelas dicindo adeus ó Poeta Azul de Ferrol e de Galicia, do Cantábrico, do Atlántico. Eu vinas. As dornas continúan navegando cara ó infindo, mais os bos e xenerosos continúan nos recordos. 
Alí descansa no vello cemiterio de Barallobre e os seus poemas, para ser lidos e estudiados, nos seus libros, Mariñanas, Cartafol da saudade, Dorna romeira, Non falarei, non, e Chanteiro, así como as súas cantigas e obras de teatro nas bibliotecas privadas e nas públicas de moitos concellos. A mocidade debera coñecelas.
Non falarei, non, querido profesor –anque me roe a alma– da Universidade de Compostela, da Tuna Universitaria, do seu querido Canido ó que tanto quixo e cantou. 
Tampouco dos tempos escuros nos que os canallas facían o que lles petara. Do Casal de Sandulfe, do Camiñante Descoñecido, de Curros, Pondal, Rosalía, Neira Vilas…
Tampouco do Grupo Musical “Os Segreles de Barallobre”, nin de Fausto Cansado, J. Malde e tantos profesores máis. Nin das matadoras costas de O Penedo ou da Pena do Castro, dende a que se adiviña o Mundo.
 Tampouco dos ánimos que me infundía para que estudiara (e que pouco caso lle fixen). Nin daquelas notas que me enviaba dende “Barallobre a Neda” por Paca a panadeira. Nin das “Cartas a Xoán” para que publicáramos naquel primitivo, pero sempre esperado pola veciñanza de Neda, “Voceiro da Vila”. Non falarei, non, querido profesor das inxustizas habidas e por haber. Hoxe non é o día.
Habería pois que facer actividades, recordatorios, congresos, como aquel universitario que se fixo na Liga de Amigos de Barallobre no vixésimo aniversario da súa morte, ou como a homenaxe que, promovida por un ex alumno e amigo o Xesús Fraga, se lle fixo o día 7 de xuño do 2008, no Centro Galego de Barcelona. Como os certames de poesía da SAF; como o que se organiza tódolos anos Premio Nacional de Poesía XoséMaría Pérez Parallé, no CMI Unidade de Fene, sendo este ano gañador o poemario “Do nome de fume” enviado por Miriam Ferradáns, de Bueu. 
 Polos camiños do mar / saín a facer romaxe: / A frol, o beixo, o cantar / van no meu pelegrinaxe (De Dorna romeira).
 

No recordo, Pérez Parallé

Te puede interesar