Fráxiles memorias. Fráxiles políticas

memoria, esa capacidade coa que contamos e por medio da que retemos o pasado facendo presentes cousas idas no tempo, a partir de certa idade comeza o seu deterioro, a esquecer, debido ó desgaste físico, pero tamén, penso eu, á acumulación de tanta información recollida na base de datos do cerebro.
Anque tantas veces, porque nos interesa,  desconectamos. Por un exemplo, nos interrogatorios dos investigados por fraude, corrupción e outras canalladas automáticamente lles falla a todos: “No me consta. No sé  nada. No recuerdo”. Traen ben aprendida a lección dende a oficina central.
Non sei onde lin, ou foi un soño que “a soberanía reside no pobo, e que os gobernos teñen que administrar e defender os intereses de tódolos cidadáns, non só os seus e o dos seus acólitos barrigas agradecidas que lles valen de trampolín para, incumplindo xuramentos e promesas, baleirar as arcas do Estado e abusando do seu poder facer da Xustiza o seu patio privado” .
Poida que o meu esquecemento de hoxe sexa porque estamos en época veraniega, en período vacacional de vagancia ou preguiza, a parte do cerebro onde habita a memoria tamén colleu vacacións. 
Ou será que aquela célebre frase do orador, político e escritor romano M.T. Cicerón: “Recordo incluso o que non quero, pero esquecer non podo o que eu quixera”, navegue na miña cabeza dende a época de estudiante? 
Non quixera esquecer o gravísimo problema que ano tras ano calcina a nosa terra , os nosos montes, a nosa riqueza, a vida do rural.
Aínda ben non comezado o verán e os covardes  prendelume atentando xa contra a Nai Natureza, namentres os gobernos continúan coa práctica de apagar cando arde, na vez de facelo antes. 
Práctica, costume, ou hábito dunha política caduca, impropio dun país que quere situarse nos primeiros postos de C.E. que, como podemos comprobar, o resultado é destrucción, desolación, abandono da poboación rural, dolor, miseria e tristeza nun territorio rico, pero fora de ordenación urbanística, forestal,  madeireira, gandeira e agraria.
Certo, cando hai lume non queda outra que apagalo con todos os medios dos que se dispoña, o antes posible, que por desgracia non son moitos debido a crise, ás rebaixas nos presupostos, e ó salvavidas especial ós bancos, entre outras lindezas que todos coñecemos.
Sábeno, e non sei porqué non o aplican, apagar o incendio antes de que comece. Ou sexa, prevención día tras día, ano tras ano. Unha política intelixente. Ordenación do minifundismo, plantación de especies autóctonas, axuda ó agro e ós gandeiros, limpeza e boas pistas forestais.
Cando rematará esa desfasada política de nefastos resultados? Diferentes técnicos especialistas de asociacións agrarias, gandeiras, forestais, ecoloxistas, xente do rural –  ese pobo no que deberá residir a soberanía – dende hai anos veñen presentando diferentes plans que mellorarían moito a vida e a economía galega e que reduciría nunha importante porcentaxe os incendios. 
Dá a impresión que puidera haber intereses creados, doutra maneira non se entende, porque parvos non semellan. 
Namentres teñamos uso de razón, a infancia e a adolescencia sempre camiñará ó noso lado. Cando eu neno, montes e fragas estaban limpas como estaban as beirasribeiras e a ría de Ferrol, que se podían comer os berberechos acabados de sacar da á area. 
Por suposto, era unha limpeza necesaria pactada coa Naturaza. Tanto o molime, coma a leña  e a madeira eran a materia base para a vida das familias naqueles tempos. 
Cando algunha muxica ou conato de incendio pretendía fuxir dunha borralleira acendida nunha roza, nunca podía ir lonxe xa que as fincas da veciñanza estaban ben desbrozadas a man, con fouciño e fouce. Supoñamos hoxe con tanta máquina a ventaxe que temos.
Certo, que daquela non chegara a Galicia a praga do eucalipto e as aldeas do rural estaban habitadas. Tampouco comezara o éxodo ás grandes cidades , nin a emigración a rica Europa. 
Mentres non se corrixa esta política compatibilizando as diversas áreas, recuperando poboación, riqueza, vida, alegría e beleza dos campos verdescentes. 
Mentres o obxetivo da Xunta de Galicia non sexa “ nin un só incendio”, na vez de  “non superar os 559” que dí a conselleira de Medio Rural. 
Mentres non cambien de cantarela e deixen de pintar o caneco, Galicia seguirá ardendo e sufrindo, asfixada polo fume e a borralla, dentro dun futuro de novela negra. 
 

Fráxiles memorias. Fráxiles políticas

Te puede interesar