Egoísmo de exterminio

E de seguirnos así arrasando pobos, destruíndo o planeta Terra, que será dentro dunhas décadas deste mundo de tolos, egoísta, desenfrenado, cando as roseiras e os laranxos non floreen. Cando as árbores floiteiras soamente produzan froita de plástico. 
Cando as cigoñas non aniden, nin nas vellas, nin nas novas torres. Cando o cuco non cuque e as andoriñas non volvan dos balcóns, seus niños pendurar. 
Cando, polos inmensurables buracos orixinados pola capa de ozono, poidan penetrar mortíferos raios cósmicos á superficie do noso planeta.
Cando as persoas sexamos robots, marionetas, máquinas, só cousas. Autómatas con cerebros electrónicos manexados por descerebrados Trumps.
Cando os moribundos ríos vomiten fedentas augas, aos xa fedentos mares e cheguen aos contaminados ártico e antártico. Cando cadáveres apátridas, sen papeis, sen nome, envoltos na invisible bandeira verde da esperanza, non teñan acollida en ningún país civilizado.
Cando non haxa cadaleitos dabondo para tantos mortos, quen recitará unha pregaria, dirá un adeus, porá un ramallete de flores ao pé do cadáver descoñecido?...
Papeis din, que todas as persoas somos iguais. É obvio que non é certo, nin deso se trata. É que non queremos ser iguais. O que si queremos é termos os mesmos dereitos, as mesmas oportunidades, e non ser explotados polos magnates – tantas veces polos nosos representantes públicos – que viven, máis ca sobrados, á nosa conta, anque esto non conste en ningún papel.
Se entre todos e todas defendéramos os dereitos da gran colectividade humana. Moitos nin que comer teñen, nin escolas, nin sanidade, nin vivenda, nin…, os pobos marxinados, oprimidos, masacrados. 
Se fóramos tan boa xente e tan piadosos como dicimos ser. Se en nós enraizara a solidariedade. Se na nosa mente non prendera a herba mala que inza os xardíns da xustiza e os das liberdades; esa que nunca nos deixa recoller boas colleitas. 
¡Ah!!, se no noso cerebro nunca aniñara o egoísmo. Se atopáramos un sulfato ecolóxico que erradicara dos confíns da terra o maligno xerme da inxustiza. Desas inxustizas que vemos e coas que nos atopamos cada día. Inxustas, por máis que pechemos os ollos e taponemos os oídos. 
Inxustizas, tantas veces programadas dende os refuxios do poder, nos que cerebros de palla (hai moitos Trump), dirixidos por don Diñeiro e aplaudidos por dona Avaricia, condenan a morte a millóns de persoas. 
Inxustizas que descompoñen os intestinos, a harmonía e a arquitectura vital de incontables seres humanos en todo o mundo, namentres o fúlxido brillo do ouro oculta os moribundos corpos e a pezoñenta conciencia dos canallas.
Namentres, desesperados os sen papeis, os que nin número son, só donos dunha ilusión que levan no portafolios dos seus silencios, fan sinais que poucos observan, pregando axuda. 
Fuxen das guerras, da escravitude, da fame, dos cazadores de seres humanos e dos coitelos da iniquidade, sen atopar – salvo excepción dos voluntarios humanitarios – unha man amiga, unha palabra de ánimo, un sorriso cómplice. 
Para moitos millóns de persoas sempre é noite, anquea o lonxe alumee unha pinga de luz solar. As fadas boas e as deusas do amor pasaron de largo.
“A civilización non suprime a barbarie” Xa o dicía o preeminente Voltaire, alá pola metade do s. XVIII e non lle fixeron maldito caso. Pois, menos civilización que mata e máis humanitarismo. 
Para que un mundo global intelixente con tantos coñecementos e adiantos nunha sociedade hedonista, na que millóns e millóns de persoas soñan a cotío coa paz. Con teren unha vivenda, escola para os seus fillos, sanidade e un traballo digno polo que non teñan que pelexar cos seus irmáns e veciños. 
Canta mansedume nos invade – seremos cómplices deste destino – nunha sociedade capitalista que camiña a unha velocidade de vertixe, na que onte é hoxe, e hoxe xa é mañá. 
Onte, que xa é hoxe, o planeta Terra, semella unha nave foránea, manexada por control remoto dende outro planeta, na busca dunha pista de aterraxe idónea na que o poder esnaquizar. Ou quizás, a nave sexa terrestre tripulada por zombis
A ignorancia, o egoísmo
e a tolemia, 
asolan o Mundo
 

Egoísmo de exterminio

Te puede interesar