DENDE O MIRADOIRO DO SACRO ANCOS DE NEDA

Augas que dos canigotes
baixades ao río Grande
para navegar mil botes
sen mariñeiro que os mande. 

Agosto, festa rachada en toda a comarca. Causa, motivo ocasión para aliviar a tristura por unhas horas. 
Tamén aquí na comarca de Ferrol temos dereito a darlle unha alegría ao corpo, anque, os dereitos que deixamos fuxir mar a fóra, só se recuperarán coa loita da razón en unidade. Democráticamente. 
Aquí, como digo por falar de nós, beiramar, terras do interior. Poboadores que defenderon e defenden as súas costumes entre crenzas relixiosas ou profanas. Culturas, principios sociais que caracterizan sociedades, case que sempre con unha idea común: vivir dignamente dentro dun desenrolo económico positivo en expansión. 
Beiramar (1999), aquel libro de poemas no que homenaxeaba á comarca que me viu nacer. Ás fermosas e singulares vilas mariñeiras con historias de seu. Terras bravas, de amor, euforia e melancolía. Vales e montañas onde se percibe o ruído do vento e o embruxo do mar. Xente sufrida, afable e ao tempo esperanzada que non perde a dignida, anque, á vista está, si o seu carácter alegre. 
Que foi que nos deron, mellor dito que nos quitaron, nesta machucada comarca, para perdermos a euforia…
Fixera o esquema do poemario “Beiramar” no mesmo cumio do monte Ancos, ao pé do castro alí soterrado.
Mesmo alí, onde xa nun documento do ano 977 (Crónicas nedenses de Vázquez Rey, páxina 62) se recolle que existiu unha “civitatem antiquam quae est in cacumine montis Juvia”, onde se supón, ou imaxina estivera a Lybica (Libunca) de Pomponio Mela con centenares de construccións circulares que formaban unha cidade fortificada que, xa no século XI se coñecía co nome de a Vila-vella. 
Monte, castro de Ancos, asentamento humano dos nosos ancestrais paisanos; vida e morte, bulicio, ceremonias e ritos. Hoxe, de lembranzas e meditacións. 
Monte sacro, vixía dos horizontes onde eu, tal inspirado druída, quixera cambiar o mundo. Para mellor, claro está, senón que!! Canto cambiaría se todos achegáramos o noso gra de area e non leváramos ningún do areal da comunidade?
Seguindo ese sentimento de benestar que alí me invade, antonte convocaba aos Catro Ventos, aos Mares, ao Sol e á Lúa, ás estrelas e aos luceiros, ás tres irmás da lenda da fonte da Aureana (da que hoxe nin pinga sae), á galiña que din poñía os ovos de ouro na noite de San Xoán, ovo aquí, ovo acolá. (Eu nunca un atopei). Por convocar convoquei, ás sereas da Morola, ás curuxas do pazo de Isabel II, ás ninfas da Fervenza e ao cabaleiro de Esquío; aquel que na súa gloria, cabalga branco cabalo, beira do río. Do que falo na revista da C.M, nº XI, do 5-7-08.
Nadiña, nada aconteceu fóra do normal a non ser que ao pouco de eu alí apareceu  unha parella; sentaron nas pedras do miradoiro e puxéronse a tuitear con cadanseu aparello móbil de comunicación. Así se divertiron durante un bo rato sen falar palabra. E eu non convoquei para iso. Intentareino de novo a ver se acuden, e entre todos… 
Abaixo, fermosa e tranquila ría coas embocaduras dos ríos Grande e Belelle que namorados de Nebda bican nas suaves ondas (ondiñas veñen e van) que a eterna musa-deusa fai mover cos seus candorosos labios, soprando con agarimo. Paixón de amor por ámbolos dous, en cada pleamar.  
Na beiraribeira, dende vello, poida, que dende que Nebda é Nebda, cada noite, cada día, cúmprese a ceremonia, liturxia serena e sacra do eterno xogo do Amor do trío de namorados. 
Deixando a un lado as lendas, as fantasías –tantas veces necesarias–, a imaxinación como complemento dos sentidos, volvamos polos camiños da historia:
Canta, diante nós sen coñecermos. Cantos magnícos historiadores e técnicos arqueólogos quixeran investigar. Pasadomañá puidera ser tarde para quitarnos as dúbidas. Que será o que baixo a terra, a maleza, as árbores, queda da pegada dos nosos antepasados?Dos poboadores do castro de Ancos, de villa Donelli (Viladonelle) e tantos máis que nesta comarca asentaron e que tan pouco sabemos. Certo é, que para investigar ten que haber interese político, iniciativas públicas e privadas, e presuposto.
Este domingo subín, como fago de cando en vez, ao Ancos. Ollando tan hetereoxénia fermosa paisaxe, meditaba sobre dos graves problemas da comarca. 
Imaxinei, inxenuo eu, que aló pola boca ría un navío de gran porte navegaba entre castelos cunha carga de esperanza cara ao porto de Ferrol.
Nas bodegas, un tesouro: contratos e financiación a esgallo. Traballo arreo. Riqueza. Adeus tristura!! Alucinante. Anque dou fe, que non consumo alucinóxenos.

DENDE O MIRADOIRO DO SACRO ANCOS DE NEDA

Te puede interesar