Cando unha acción unitaria, pacífica e intelixente?

Din que Ferrol está perseguido por un malfado, que coma a hedra mala agancha polas paredes das casas na procura das debilidades das persoas, que en moitos casos puidera ser a indiferencia, a apatía, o conformismo, sabendo que estes síntomas son capaces de nos levar a unha doenza crónica. 
Non é certo o do malfado. Ferrol e a súa comarca ten o que os seus veciños queiramos. Naquel día en que partidos políticos, sindicatos, empresarios e a gran maioría de cidadáns camiñemos xuntos defendendo pacíficamente, pero berrando forte para que nos escoiten en Compostela e Madrid o que está pasando nesta cidade, daquela, digo, Ferrol volverá a ter traballo nos estaleiros, empresas productivas na contorna, e a riqueza precisa e tan necesaria para que a tristura fuxa boca da ría e afogue no mar de fóra. 
Se fóramos capaces de, cada quen defendendo os seus proxectos e as súas ideas, chegar a acordos colectivos entre gobernos, gobernos municipais, Xunta, Central e como arriba digo, sindicatos e pequenos e grandes empresarios arroupados polo pobo; a partir dese día comezaríamos a ver caras alegres polas rúas, e os milleiros de persoas que teñen que emigrar na busca dun traballo para poder subsistir retornarán, utilizando as maletas só para saír de vacacións. 
Canta hipocrisía nas palabras do ministro Dastis: “Los jóvenes españoles emigran por inquietudes, por altura de miras, en busca de aventuras y para respirar aires nuevos”. Sexa que, tal el di, por cousas ou casos que para nada teñen que ver coa falta de traballo, na busca dunha vida estable, ou dun porvir máis seguro. 
Pero, en que país que para nada ten que ver con España vive esa xente que nos goberna. Será que caeron dun felgo de pequenos, ou será que se criaron nunha burbulla de fantasía e non coñecen outros espacios. Tamén puidera ser que á parte desto estivera eufórico despois de longa noite de despedida de ano, con parada e fonda en discotecas, bingos e solóns de peiteado deses que pechan ao alborexar, senón, porque parvo non semella, como se lle ían ocorrer tantos desatinos. 
Señores e señoras gobernantes, o conto de “Alicia no país das marabillas” é moi fermoso, pero xa somos adultos, saiban. Dos que emigran, o 90 por cento é porque non lles queda outra alternativa. Aquí hoxendía é un soño, un milagre atopar un posto de traballo estable que dea para chegar con dignidade a fin de mes. 
O peor que moitos españois fixan aló en Alemania, América, China ou Australia a súa residencia e aló con moitos pesares, morriña e bágoas quedan. 
Aquí en España na que só viven ben-ben os banqueiros, algúns políticos, os executivos de grandes empresas e os extranxeiros que veñen de vacacións a tomar o sol, disfrutar deste divino país e comer bo marisco xa que poden pagalo. 
Todos sabemos, menos Facenda (que somos todos “os de sempre”) que os super ricos teñen o diñeiro en paraísos fiscais. Todos sabemos que fumos saqueados, que os bancos foron rescatados co noso diñeiro (do pobo), que a Caixa das Pensións está dando as últimas boqueadas e que os “amiguitos del alma”, dende concellos, deputacións, gobernos, e tantas outras entidades deixaron este país no que poderíamos vivir todos ben, en pelota picada. 
Canto desencanto político! Nesta praza, Ferrol, non hai punta que cravar e cando aparece unha hai mil martelos agardando.
Para cando caras alegres polas rúas, saudándonos cun sorriso, unha aperta, un bico. Despedirnos despois dun café, ou o que se tercie, cun alégrome que todo vaia ben, deica logo, ata vernos, incluso –inda que non é costume – cun ciao, ciao, ciao…?
Por favor, teñan un feliz 2017. Fagamos entre todos que así sexa.
Se amañece, 
mañá será outro día.
 

Cando unha acción unitaria, pacífica e intelixente?

Te puede interesar