Amigo home. Amiga muller

Querido Sidre, chegoume a túa tarxeta postal felicitándonos polo Nadal. Eu tamén che mandei a miña, desta, un fermosísimo debuxo de Mariusz Maezka, que pinta coa boca e no que se ven varias caixas, supoño con agasallos no seu interior, con cintas vermellas e brancas, varias boliñas desas de pendurar e uns ramalletes verdes repartidos polo cuadro, cun fondo posta de Sol. 
Noraboa ao artista da Asociación de “Pintores con la Boca y con el Pie”. Querer é poder e eles e elas queren e poden, e tiran para adiante e non os amedrenta as súas minusvalías. Noraboa e Boas Festas que xa ben merecen pola alegría e a paz que nos inspiran e reflexan tan fermosos debuxos. Agardo que a ti, amigo Sidre, tan amante da pintura e tan defensor da Paz, tamén che agrade. 
Sabes ben, da túa voz escoitei ducias de veces que a paz entre os pobos, sexan irmáns, primos ou non consanguíneos, dende que o egoísmo e a envexa arraigou nos nosos miolos ao longo e ancho do planeta, é moi difícil de lograr. De que, senón, ían vivir as empresas armamentísticas. Como se ían lograr inmensas fortunas se non houbese mortes, destrucción, guerras unhas tras doutras?
Que non hai motivos para guerrear! Xa se encargarán corvos e voitres. A pomba branca nada pode facer contra paxaros ruíns de unllas afiadas e picos aguzados para comer canta prea atopan. 
Outra cousa, xa sería se os que pían pola guerra se viran envoltos nela. Que alegría e satisfación deben ter os que promoven, fomentan, ordenan guerrear, cando ven as ciudades destruídas, a tanta xente espavorecida, sen teren un anaco de pan que levar á boca, nin unha manta para se gorecer do frío. Que ben matan, que ben arrasan, destrúen edificios e pobos enteiros os nosos bravos soldados coas novas armas. Que nos importa a moral. Si, os millóns que virán a continuación para renovar armamento e reconstruír canto destruimos. Condecoración aos valentes xenerais que tan ben dirixiron as operación. Rematada esta, outra xa en proxecto. 
Mentres a Pomba Branca da Paz, a Estatua da Liberdade e o Soldado Descoñecido choran bágoas de sangue “in memoriam” dos vivos que morrerán na próxima guerra. 
Nin tregua polo Nadal para cantar panxoliñas, curar aos feridos, enterrar aos mortos, engraxar e dar lustre ás armas, brindar no cuartel xeneral por unha próxima victoria. Victoria, de quen?
Chegará o día (poida) en que a avaricia, o egoísmo, a envexa se trasformen en xenerosidade, altruismo e solidariedade. Chegará un día en que os gobernantes sexan intelixentes, honestos, activos, que gobernen para a gran maioría do país? Mellor dito, para todos.
Anque poida sexa causa perdida, son defensor da utopía. Difícil sen dúbida chegar ao cumio dos desexos, anque, se as ideas colectivas se transformaran en loita colectiva, en mellorarmos o noso pobo, a nosa cidade, o noso país e o noso mundo, ese mundo utópico que non existe porque non queremos. A utopía, como dicía Anatole France, á parte e ser o comezo de todo progreso, sería o deseño dun porvir mellor. 
Namentres, nestes días que deberán ser de Paz, como deberan ser todos os días do ano, miles, millóns de persoas morren, (de unhas sábese máis que doutras), fuxen da fame, da inxustiza, do terror da guerra. 
As ondas do mar esparexen cadáveres sen nome, sen papeis, xa sen dor. Prostíbulos, mafias controlando mafias. Cadáveres vivientes polas rúas.
Aló lonxe, cerca, ao noso rente. O seu mundo é o noso. Non hai outro, por máis que nos amole Mal nos irá, namentres mal lles vaia. Se non hai remedio para eles, tampouco para nosotros. E si que o hai. 
Querido Sidre, amigo home, amiga muller, cidadáns do mundo, se queremos paz loitemos contra da guerra. Bo Nadal, e que o 2017 sexa, por pedir que non quede, o remate de todas as guerras e inxustizas. A ver se os Reis Magos se acordan este ano da Comarca de Ferrolterra, que é de xustiza. 

Amigo home. Amiga muller

Te puede interesar