Aínda que tópico, bon desexo de Felicididade

otería de Nadal, Noiteboa, Santos Inocentes, Fin de Ano, Aninovo, e por suposto os Reis Magos, que aínda que á miña porta nunca petan nin para saudar teño que recoñecer a súa valía e a súa tarefa, que por moi espelidos que sexan asómbranme que en tampouco tempo dean feito o reparto. 
A empresa contratista debéralles dar máis tempo para levar o traballo de xeito máis relaxado. Cando menos unha semana enteira, que vén sendo a media dos novos contratos laborais neste noso querido país que tan ben marcha, segundo din os que nos gobernan.
Os Reis Magos que veñen de Oriente que teñen que facer unha boa andaina son merecentes de mellor trato, cando menos, coma os outros reis, listos pero non magos. 
As vacacións debéranlles chegar pero o tempo de reparto é moi escaso, e xa non digo a seguridade no traballo que é nula. Aganchar aos balcóns e tellados dos edificios, baixar polas chimeneas, camiños intransitables e mal sinalados, e tantos outros atrancos que esquivar. 
Tanto esforzo para tres que aínda que magos debe ser un sacrificio. Nin que non houbera reis deses de coroa de ouro. Por que non se solidarizan cos Magos, e cos nenos e as persoas necesitadas. Para que serven senón?
Para os que veñen de Oriente (como se foran de Poñente) o meu agarimo e agradecemento polo xeito de practicar máxia branca, que é esa que fai tanto ben, a que entre outras cousas, incluso ilusiona aos avós escépticos que non agardamos regalos materiais, pero si unha forte e xenerosa aperta.
Sen dúbida algunha que son merecentes dun contrato xusto e dun salario digno. Nin máis nin menos que calquera fillo de veciño. Os “contratos basura”, para os reis insolidarios de coroa de ouro que, penso eu, e ao mellor alguén máis, ben lles podía valer de papel, cartón, ou madeira de embalaxe, que ademáis pesa moito menos. 
Agardo e confío que o vindeiro ano (este xa) cheguen de Oriente ou de calquera outro punto cardinal, Raíñas Magas. Reivindico, e reivindiquen miñas donas a igualdade de xénero. Estamos en pleno s. XXI, non na Idade de Pedra. 
Aínda que confeso que a min os únicos reis que me caen ben, á parte dos Magos, son os de copas da baralla, principalmente cando trunfan. Das raíñas, Rosalía de Castro, Raíña das Letras Galegas, e a que vive comigo, Raíña do meu sentir e querer. Perdoen a indiscreción.
Coma todos os anos, as costumes crean normas, bos propósitos, e bos desexos de Paz, Amor e Felicidade. Os propósitos de cada quen normalmente pouco duran, xa que volvemos tropezar cáseque sempre coa mesma pedra, a desidia, e os desexos, aínda que sexan próximos e sinceros non sempre se cumplen.
Hai moitos poderes poderosos egoístas e canallas que están en contra dun mundo feliz. Aínda que como dicía o escritor e político francés Renè Chateaubriand “a verdadeira felicidade custa pouco; se é cara non é de boa calidade”,  e cando chega, saibamos aproveitala. 
Se as riquezas estiveran mellor repartidas seriamos un pouco máis felices. O diñeiro non fai a felicidade, pero a carencia menos. 
Agora que a intelixencia artificial cáseque domina á natural, antes que a domine de todo, sexamos naturalmente felices. 
Sendo realistas, e vendo o panorama que nos rodea –e iso que ás árbores da propaganda política non deixan ver ben o bosque– acabamos de cerrar un ciclo fallido de ilusión (2017) e abrimos outro (2018) de esperanza.
Para sermos algo máis felices, “porfa”, non desprecíemos nunca un saúdo afectuoso, unha aperta xenerosa, nin un bico agarimoso. 

   

  
 

Aínda que tópico, bon desexo de Felicididade

Te puede interesar