Arde Galicia

No solpor do domingo 14 de outubro os 80 lumes da longa ponte deixaran milleiros de hectáreas queimadas e un gravísimo dano ambiental e mesmo existía perigo para a vida humana e para infraestruturas sociais básicas. Estaba curtada a A-52 n’As Neves, a AG-57 (a autoestrada de Vigo a Baiona) á altura de Vincios-Gondomar e a OU-101 de Ourense a Maceda. O fume ateigaba a área urbana de Vigo.
Núñez Feijóo e a conselleira Ánxeles Vázquez eran ben conscientes da seca e da probabilidade de altas temperaturas e ventos do sur moderados ou fortes neste tempo de outono. Mais preferiron falar de Catalunya nos medios e encomendarse ao deus da choiva (que semella será o que nos salve este luns). Na fin de setembro non se lles anovou o contrato a 436 brigadistas, coma se só arderan os montes no verán.
Amáis da delongada seca e da presenza dos tres 30 nas temperaturas, velocidades do vento e humidade ambiental, o lume progresa polo moi curto traballo de prevención dun Goberno galego e pola súa fáctica inaplicación a lei de incendios forestais do 2007 (que prioriza a atención extintiva e a prevención nas contornas habitadas e das infraestruturas viarias, sociais e enerxéticas) . O traballo de deconstrución do PP liquidou de feito os Bancos de Terras e a reordenación territorial das Unidades de estión Forestal. Mentres, a (non) política forestal segue os diktats pirófitos da grande empresa privada ENCE, á que lle interesa un monte galego inzado de eucaliptos que se vendan a baixo prezo. Coma sempre ao longo destes oito anos e medio do seu Goberno, Feijóo só sabe falar nos media e botarlle a culpa aos outros. Non conten vostedes con él para unha xestión eficiente ou para solucións prácticas. Este domingo os veciños da parroquia viguesa de Valadares houberon loitar sós contra o lume cos seus propios medios, do mesmo xeito que fixeron os mariñeiros arousáns de hai quince anos, canda o Prestige.

O DESPROPÓSITO DO 155
Toda a xente ecuánime que coñece un chisco Catalunya e profesa os valores democráticos das sociedades avanzadas consideran que intervir ou suspender a autonomía catalá ao abeiro do artigo 155 da Constitución é unha barbaridade. A cuestión catalá amáñase negociando e, nos eu caso, votando con garantías, nunca coa Garda Civil. E menos botando mán das competencias catalás en seguranza ou educación ou ilegalizando os partidos independentistas.

Arde Galicia

Te puede interesar