Unha visita aos bancos marisqueiros e aos ciscallos da mina San Fins

OO Deputado Xosé Luís Rivas (Mini) no Parlamento Galego visita un banco marisqueiro e o verquido dos ciscallos da mina de San Fins”. Ata aquí o titular dunha noticia. De aquí en diante o comentario e meu e, naturalmente, hai toda a liberdade para disentir. Faltaría máis.
Xa gosto eu de que un deputado vaia primeiro aos bancos marisqueiros; aos bancos dos parques onde dormen os sen teito; aos bancos das escolas que el coñece ben; aos bancos das nosas feiras e festiñas sinxelas e entrañábeis dos nosos pobos case sen xente e brinde con eles pola vida e de paso recolla un antigo cantar que, coma eles, está nun tris de desapareceren; aos bancos que hai diante dos BANCOS dos que zugan os cartos e as casas dos desafiuzados; aos bancos das nosas humildes igrexiñas onde despedimos con honra a cantos nos teñen ensinado a honra da honradez de verdade; aos bancos das asociacións e dos teatriños de rapaces, mozas e mulleres ou mesmo doentes e acompañantes; aos bancos que frecuentaba o Mini na estación de Baamonde que xa está a desaparecer por mor de que xa non hai case ni tren entre nós; aos bancos e bancos,e bancos, ..., onde un ser humano na súa pobreza dorme á friaxe quizais o  seu derradeiro sono ou mesmo o soño pre mortem. 
Curiosamente nos cárceres, no interior, non hai bancos, só dous no exterior, á entrada do Centro. E tampouco hai bancos onde morren as mulleres asasinadas, violadas o mesmo traficadas. Si. Hai moitos sitios onde se esmorece a carón, sen banco sequera.
E para non perdermos o norte da beleza e da poesía temos o Banco de Europa en Loiba, Ortigueira, a onde coma a Santo André de Teixido cómpre irmos de vivos. 
Cando o Mini chegue as bancadas do parlamento a súa voz fermosa de baixo falará palabras de vida e verdade, porque saen da vida e da verdade, porque por ser baixo, musicalmente falando, sabe recollelas e interpretalas desde os de máis abaixo. A voz dos sen voz. “Quen a soubera cantar, ai amor!, ai amigo!”.
Saen da verdade da vida verdadeira. En verso ou prosa, en música ou nun laio tronante contra da inxustiza e da corrupción ou para sacarlle as cores aos que ocupan banco só par votar o que lles indiquen cun dedo erguido no banco dianteiro e moitas veces teledirixido desde moi lonxe. Ás veces serán as multinacinais do Sr. Trump ou de moitas outras trampas máis próximas e mesmo por iso moito máis dolorosas.
 Non perdas as mañas de visitar os bancos onde un velliño repousa e descansa, onde brinca un neno, onde se bican uns namorados, ou mesmo onde un poeta se refuxia á présa para que non se lle escape a inspiración ou onde un músico ou pintor tentan de encheren de cor, harmonía e tonalidade a vida con esperanza e darnos así azos para vivirmos. 
Parabéns, compañeiro! Segue facendo visíbel que na Chaira e na Galiza, se xa deixaron de cantar os nosos carros, a nosa voz non a afogarán nin o leite caducado que nolo recolocan a nós desde fóra, nin falarán polos mariñeiros aqueles que pensan e queren facernos crer que as sardiñas se fabrican a partir dos eucaliptos dos nosos montes ou que os obreiros son os causantes das malas adminstracións e xestións das empresas.
Cando ti vas a eses bancos sabes que chove. Que chove auga da de verdade, por veces contaminada e emporcallada, pero endexamais tragarás que mexen por riba de nós. Por iso, a túa voz é-nos moi precisa nestes intres das diversas invernías que campan no horizonte.
Parabéns, Mini. Botáronte do concello de Boimorto, por honrado, os que sentan nas bancadas dos negocios das touradas. Pero nós non queremos máis bois mortos en sanguentos espectáculos, símbolos perfectos cara onde queren levar este mundo. Movéronche a silla, pero non foron quen de quitarche a alma e a liberdade de asentar con seriedade e ilusión en todos os bancos da vida onde se constrúe a vida a cotío. 
Ti, coma Balbino, tes o mundo por teu e deixas ao Manolito, o fillo do médico, co seu balón, co seu campo, coas súas normas. Que podreza na mentalidade do seu illamento de poder, introxectada xa desde a máis tenra infancia. 
Ti vaste co Pachín, como bo rapsodo coa zanfona ao lombo. Prefires conquistar o mundo para a súa verdadeira razón de ser e existir  e non ter que “cantar os versos máis tristes nesta noite”, “escura e bretemosa, na que queren que camiñe o noso esprito”. Ti sempre serás un segrel da liberdade.
Repito.  Parabéns e ergamos xuntos a matria, na mesma lingua na que ela nos xerou, no meso chan, como cantaba aquel espiritual negro dos anos sesenta. Loitemos, compañeiro!, que a noite segue bruando. Non canses.
 

Unha visita aos bancos marisqueiros e aos ciscallos da mina San Fins

Te puede interesar