SOLIDARIEDADE E SAÚDE PARA DON JULIO LADRA, PÁRROCO DE PIÑEIROS (E II)

Cando no 1979  finou  don Ricardo Rico Basoa e despois dun tempo breve de don Jesús Mendieta, tiven de volver por un ano á Parroquia de Piñeiros. No 1983 tiven a honra de pasarche o relevo.  E ben gozoso que cadrei cando souben que eras ti o novo Párroco designado. Sabía que caira en boas mans esa nosa benquerida Parroquia. Estaban moitas cousas pendentes. A principal, acometer a construción do templo parroquial que se viñera demorando por múltiples causas e por xestións que foran fracasando reiteradamente. Só ti coa túa paciencia e arte de convencer atopaches o lugar axeitado e concitaches vontades que tantas veces dixeran anteriormente que non. Eu bendizo a Deus e douche infinitas grazas por facer posíbel o que semellaba inamovíbel. Ti es o home dos milagres caladiños. A ti cho debemos. 
Como te arranxaches para saír  adiante economicamente? Novamente aí está a túa impronta persoal de home de pedras e ladrillos. Moita da man de obra ten parte dos teus dedos estrullados e sanguentos que nin tempo lles deches a curárense, porque ao día seguinte ao amencer  don Julio xa estaba de novo erguendo parede.
Obra túa é a capeliña do Feal que lle dá sentido de identidade a esa parcela da nosa parroquia pola que eu tamén teño unha fonda señardade. Temos traballado moito en común como todos eles e elas saben moi ben. E seguiches mellorando o complexo de Freixeiro.
Pero hai unha parte humanitaria, que tamén che ven de familia. Onde haxa necesidades, sufrimento ou pobreza alí, en silencio, caladiñamente  e sen dar as horas aparece sempre don Julio. Onde haxa un enfermo, un finado ou xentes sufrindo ou en soidade, o grande compañeiro e acompañante é don Julio.
Es un home de fe e profundamente relixioso. Pero tamén es exquisitamente respectuoso con todo o mundo por moi diferentes que sexan os seus pensares.
Achegaches a xente a Deus e achegaches a xente á xente. Soubeches facer veciñanza da boa. Por iso es tan valorado e querido.
Traballaches moito con anciáns na parroquia e na Residencia San José. Organizaches a Asociación de Vida Ascendente con verdadeiros militantes nese servizo pastoral de tanta implantación no mundo a favor das persoas de idades xa maduras. Hoxe, querido Julio, a enfermidade chamou á túa vida e non ten présa por devolverte de novo ás múltiples actividades que levabas con tanta dedicación.
Ímosche facer unha homenaxe. Merécela sobradamente. É preciso deixar memoria agradecida do teu labor. Eu só quixera dicirme a min mesmo e aos demais. Saberemos acompañarte e acompañar aos teus como ti e vós nos tedes acompañado tantas veces a nós?
Unha aperta. Unha oración. Moita admiración. E sobre todo unha inmensa gratitude por todo canto levas feito. O mundo é moito mellor nunha parcela moi grande porque ti estiveches alí presente. Disto saben moito máis e mellor ca min os veciños de Piñeiros e das súas contornas porque só eles saben do que te desviviches por eles. En ti cúmprese o que di o Evanxeo: Que non saiba a túa esquerda o que fan a man dereita”. Por iso dicimos: “Que Deus cho pague, D. Julio”, que é o mellor pagador.
Saudiños aos teus e sempre ao voso dispor que sabedes que sodes moi benqueridos por todos nós. Biquiños, amigo.
 

SOLIDARIEDADE E SAÚDE PARA DON JULIO LADRA, PÁRROCO DE PIÑEIROS (E II)

Te puede interesar