San Xiao de Roca e o Camiño de Santiago (e II)

desde a igrexa de Roca algúns tamén collían cara o Muíño de Don Lino, hoxe coñecido polo Muíño de Chispa, onde había unha ponte de madeira para pasar sobordando o río pola Trabanca. Trabanco di o dicionario que  é un toro de madeira de gran tamaño. Era frecuente esta forma elemental de pasadizo a pé para aforrar a perda de tempo que supuña dar unha volta importante. Un ameneiro ou carballo que medraban na mesma ribeira púñanse atravesados nas gorxas dos ríos, principalmente onde o río era fondo e estreito, o que coñecemos como barrancos ou rápidos.  Dábanlles certa protección lateral a xeito de pasamán ou cordas de seguridade. Eran perigosos. Moito máis cando estaban mollados e non digamos se había xeada. Ata os anos sesenta, antes da emigración masiva, do desenvolvemento industrial e de popularizárense os coches, eran moi comúns estes pasadizos de peóns. Aínda eramos agrarios. Eu recordo moitos deses trabancos en diversos sitios de Roca e Santa Cruz. O topónimo “Trabanca” dese sitio virá daqueles antigos trabancos? Que falen os filólogos.
Outra consideración a ter en conta. Por estas paraxes os romeiros non creaban os camiños. Nin precisaban facelo. Buscaban e utilizaban os camiños xa existentes, os mellores, os máis cómodos e máis curtos dentro dos seus intereses diversos: relixiosos, económicos, paisaxísticos, etnográficos, etc. E para iso  informábanse e preguntaban unha e mil veces cal lles conviña mellor en cada caso. Estes camiños xa estaban creados de sempre pola veciñanza. Por iso hai tantos camiños de Santiago como romeiros. 
Quero  sinalar e remarcar uns datos moi concretos e interesantes desta zona da que se fala que certamente poden axudar a documentar e confirmar esta análise que veño facendo e que seguramente hoxe se lle escapa a quen veña de fóra. 
As feiras de Parga. Despois da de Vilalba é unha das máis importantes economicamente e das máis sonadas. A xente ía alí cada quince días para amañaren vida. Ían con toda crase de animais,  a pé e con carros. Eses camiños viñan de sempre desde a Ponte de Sá, pasaban por Suexo, os Penedos, Santa Cruz, Roca, Trasparga e Parga. E Santa Cruz tamén había feira o 23.
Pígara e unha parte de Suexo pertencen ata os anos coarenta ao concello de Trasparga e agora a Guitiriz. A relación administrativa era cotiá nesa dirección con ida e retorno. Era todo a pé ou a cabalo. Eran os veciños os que marcaban e facían eses mesmos camiños que logo eran os romeiros que ían por onde ía a xente a cotío. Non tiña sentido ir dar un arrodeo grande ata Baamonde sen outro motivo. Abonda con ollar un mapa. 
Eses eran os camiños para os enterros e as festas entre estas parroquias colindantes. Tamén para “iren ás mozas” e de feito entre esas aldeas había moitos matrimonios e conseguintemente parentelas. Iso leva ter camiños en bo uso.
A xente traballaba os montes, as rozas e  o pastoreo principalmente do gando vacún e lanar.  Acudían con carros para as colleitas e estrumes polos camiños máis variados nas dúas abas do monte, o nacente  e o solpor.
Tamén cómpre ter en conta a hidro-orografía. Os ríos e o monte  configuran  o terreo e  sempre condicionan a vida. Aquí os ríos todos veñen e decorren do norde cara ao sur ata desembocaren no Parga que camiñando desde a Cova da Serpe vai transversalmente polo sur  desta zona cara ao Miño. Os que configuran e estruturan xeograficamente esta zona do estudo son dous ríos: O Ladra, que o deixamos xa ao cruzalo na Ponte de Sá, entre San Bartolomeu de Insua e Pígara, na bacía cara a Begonte. 
O Roca, que vén desde a Serra da Loba en Labrada, Buriz, Requeixo, Samesode, Bueiro, Roca e verte no Parga en As Xuntas, cabo de Cas Gabín, en Portodola.
Entre estas dúas concas hidrográficas, nesa mesma dirección, norde-sur, está a pequena corda dos Penedos de Santa Cruz. Os camiños han cruzar necesariamente tranversalmente ese monte e logo buscar os portos ou pasadizos naturais ou artificiais dos ríos por os lugares axeitados e xa indicados. O río Roca vai ben fondo, ten un ancho xa de consideración e fóra do verán vai moi cheo. Non se pasa a pé por calquera lado. Non é un regato. É un río. E ten uns lugares moi concretos de cruzamento, que non son moitos. Eses si que marcan e condicionan as direccións dos camiños. 
Conclusión: O Camiño de Santiago nas diversas variantes locais dos camiños desta zona que nos ocupa pasaban necesariamente por Roca. 
Hoxe a visión dos camiños faise pensando no coche. Son os únicos camiños que hai e que transitamos. Quen agora queira buscar a ollo aqueles camiños non atopa nin o rastro. Nin o trabanco. Todo desapareceu polo arboredo, polo desuso, por os coches, por que xa non se vive do gando en liberdade nin daquel tipo de cultivos agrarios. E a devoción aos santos mudou absolutamente.Todo é, vai e está distinto. Só fica no recordo de nós os mais vellos. Os outros foron desaparecendo todos baixo as árbores, as uceiras e toxizas que fan irreal toda suposición fronte a aquela realidade na que aínda temos vivido os da vida rural antiga. As testemuñas directas tamén xa estamos a desaparecer e ben axiña. Eu son unha delas.
 

San Xiao de Roca e o Camiño de Santiago (e II)

Te puede interesar