• Jueves, 23 de Noviembre de 2017

Lorref, o navío de Xohana Torres

En Vigo, como antes acontecera con Concepción Arenal e Agustín Fernández Paz, acaba de morrer Xohana Torres.

En Vigo, como antes acontecera con Concepción Arenal e Agustín Fernández Paz, acaba de morrer Xohana Torres. Aquela nena que viviu moitos anos no barrio de Canido, batido polo vento nos seus catro costados, converteuse nun dos fachos da nosa cultura nacional contemporánea. Aínda que nada en Compostela, Lorref (o Ferrol de Xohana), marca de forma indelébel a súa obra literaria. O mar da nosa ría e da costa ártabra empapará con forza tanto os seus versos como a súa vida. Velaí, para corroboralo, o memorábel texto Eu tamén navegar do discurso de entrada na Academia Galega o 27 de outubro de 2001. Na súa travesía pola infancia, lembraba, poéticamente, que a pasara cunha buguina na orella á escoita do rumor da auga, observando desde a xanela do Arsenal un mar abreviado e a manobra dos remolcadores, pendente do movemento das nubes e dos partes meteorolóxicos de Bares e Monte Ventoso. Recordaba as aulas co profesor Carvalho Calero, por quen sentía una admiración persoal. Será, xa que logo, don Ricardo quen a introduza na historia e na literatura galegas. Após viñeron os primeiros poemas publicados na revista Proa do instituto Concepción Arenal, e algunhas colaboracións poéticas na revista Aturuxo. Nos seus tempos estudantís formou parte do grupo do Teatro Estudo, para o que farían decorados e escenografía grandes pintores como Tomás Barros e Segura Torrella. Mesmo participou en diversos espazos radiofónicos emitidos por Radio Ferrol, que enriquecen a súa biografía cultural. 
No inverno de 2001, co gallo do seu ingreso na Academia, o concello de Ferrol fixo unha homenaxe pública á poeta cun acto literario no salón de plenos  e a edición do libro Ferrol, corazón de navío. O ramo da xornada puxérao a rapsoda ferrolá Laura Pérez Landeira co recitado do poema Penélope, referencial na obra de Xohana. Grazas a esta obra poderemos seguir navegando canda ela malia a súa ausencia. Porque así o deixou escrito: Abandoado o porto/ quedará para o vento/ quizais alguna vela?.../ Lorref ultramarino, polo menos,/ acompáñame ao sul,/ anégame de acacias.