TRANSPARENCIA, FETICHE NEOLIBERAL PARA UNHA SOCIEDADE DO CONTROL

Levado pola mesma curiosidade filosófica, antropolóxica e política que conduciu a elaboración dun artigo anterior neste mesmo medio sobre o narcisismo e a depresión, hoxe falarei da transparencia, fetiche do neoliberalismo, e da súa importancia na sociedade de control e imposición en que se converteu vivir hoxe baixo o dominio do sistema capitalista.
E, de novo, fágoo, dialogando co filósofo Byung-Chul Han e as ideas que nos deixa en La sociedad de la transparencia, Herder, 2013. Xa alertamos noutros foros sobre a necesidade de re-pensar a linguaxe que empregamos no día a día para vestir as nosas referencias e os nosos conceptos.
1. O secuestro da linguaxe practicado polo neoliberalismo leva a que conceptos como transparencia, debido ás prácticas implementadas polo neoliberalismo para darlle vida, queden desvirtuados e afastados das súas primarias intencións.
Como di Byung-Chul Han, “la omnipresente exigencia de transparencia, que aumenta hasta convertirla en un fetiche y totalizarla” (p. 11). Di tamén que isto é propio dunha sociedade que elimina -de forma artificiosa e errada- toda negatividade, como a actual, que remata por “insertar sin resistencia en el torrente liso del capital, la comunicación y la información” (p. 11).
2. Non estou en contra da transparencia ben aplicada, si de como se está entendendo, e concordo co filósofo cando di que “quien refiere la transparencia tan solo a la corrupción y a la libertad de información desconoce su envergadura. La transparencia es una coacción sistémica” (p. 12).
A transparencia é interiorizada polo neoliberalismo para desvirtuala. Por iso, defendo aquí a ÉTICA como comportamento, como esencia de toda responsabilidade pública, e iso xa implica moral, deber, virtude (veracidade, transparencia, sinceridade, coherencia) e  forma axeitada de vivir en sociedade.
3. O neoliberalismo converte a sociedade da transparencia nunha sociedade uniformada. Ademais, esta sociedade baséase en varios erros: o propio EGO mantén unha capa non transparente, determinada polo inconsciente, na súa relación co OUTRO. É imposible unha relación transparente plena entre persoas. Por fortuna, xa que  é necesario manter o respecto entre as persoas, na distancia, e mesmo na actitude íntima de cadaquén.
4. O capital incorpora na súa praxe todo, absolutamente todo....para convertelo en obxecto de consumo. Expoñelo, transparente na súa interioridade, ás leis do mercado. Temos que loitar contra esa deriva impositiva que nega toda hermeneútica (interpretar e comprender) e toda dialéctica (confrontación argumentada).
5. Se o levamos ao eido da política e da comunicación social, é aquí cando xorde con forza a esfera da ÉTICA, enunciada no paragrafo 2, que debe ser consubstancial a toda actividade que se exerza no eido público. Por iso, non nos resulta raro que nos discursos neoliberais que falan de transparencia non apareza por ningures a ética. Unha ética que debe conducir as accións da política e conformar as propias relacións interpersoais e que, ademais, se debe asentar na confianza. Confiar significa “a pesar del no saber en relación con el otro, construir una relación positiva con él” (p. 91).
6.  Transparencia non é verdade. A verdade é unha negatividade pois afirma que o dito polo OUTRO é falso. Por iso, son as accións da política as que miden a ÉTICA do cargo público, non unha teatralización ao redor do politicamente correcto e da transparencia inserida na corrente da acumulación informativa, comunicativa e mercantil do capital.  Mais iso, claro está, non é o que quere o capital. Por iso, o sistema capitalista, nas súas máscaras dixitais, procura que a xente faga clic sobre “me gusta”, negando a posibilidade de facer clic sobre unha icona que diga “non me gusta”. Indicativo de como o capital quere eliminar a negatividade, a tensión explicativa, xa que a confrontación dialéctica entre si e non leva a unha detención da hipercomunicación, da hiperinformación, mediante a reflexión.  
7. Por iso, reivindico a reflexión como ruptura cos moldes discursivos e de pensamento único actuais para afastarnos do politicamente correcto, da exposición pornográfica do capitalismo, que todo o “espectaculariza” e mercantiliza...ao mesmo tempo que nos encadea a unha sociedade de control do rendemento e da imposición.

TRANSPARENCIA, FETICHE NEOLIBERAL PARA UNHA SOCIEDADE DO CONTROL

Te puede interesar