Fina Foira cumpre cen anos


Pola miña vida, máis que de home feito xa, veterano en moitas batallas, tocado (pero non afundido) en moitos sentimentos, ten pasado moita xente. Grande, boa, regular e, directamente, xentiña ou xentualla. 
Mais do que presumo é de ter batido con xente de primeira categoría. Dos que me honran e que me teñen enriquecido, coa súa presencia e a súa palabra, co seu ser e estar, co exemplo que me teñen dado de discreción e honestidade. 
E xa estou entrando en materia e xa estou falando de Fina Foira, do Empedrón, de Xuvia-Neda, que hoxe, precisamente hoxe, cumpre cen anos, Digo Fina Foira e estou recontando a miña vida de rapazolo no Empedrón, por máis que eu sexa (en puridade) do Portazgo. 
Digo Fina Foira (e Alejandro, seu home, e seus fillos, todos) e xa estou ciando cara aos anos cincuenta, os da miña década prodixiosa (nacín en Xuvia-Neda xusto no ano que marcaba o comezo da segunda metade do século). 
Eses anos nos que fun medrando en veráns marabillosos, nos que a Horta dos Foiras, con Pepa e Isabel como anxos gardadores da noso tribo, eran o Xardín do Paraíso. Onde había de todo; cans e parrulos, abellas e paxaros, paxariños e paxarolos. Onde as nogueiras e as maceiras (que surtián de mazás para comer e outras para facer sidra e –aínda– como proxectís) escoitaban unha árbore milagreira chamada citrón. 
De todo aquel mundo, da xeración primeira, non máis queda Fina Foira. A que hoxe cumpre cen anos, un  século que veu pasar a nosa historia recente: monarquía, dictadura (de Primo de Rivera), república, guerra civil, dictadura (de Franco), monarquía de novo, e o cataventos histórico a se mover segundo soprase o vento. E Fina Foira sempre no seu sitio. Liberal (por xenerosa), elegante (como os solpores en Ancos), firme (cal os xuncos da ribeira). 
Liberal, elegante, firme, voz amiga e xesto afable, sempre disposta a escoitar con esa curiosidade que vén do afán de apañar cultura. Porque, díxoo moi ben Pío Baroja, a vellez non é senón a perda da curiosidade. 
E por aí si que non. Por aí Fina Foira non envelleceu malia o século que hoxe cumpre. 
Cen anos ao pé do mundo seu, o que máis ama, o que limita ao Sur con Santa María de Neda e ao Norte con Trasancos. Un mundo que eu tamén amo, con Fina Foira, na súa compaña. Sabendo que nela, con ela, vai o meu mundo, pequeno pero grande porque é o meu. Impresiona ver como Fina conserva a memoria  de canto foi pasando, de cómo segue a actualidade cun sentimento sensible e un concepto cheo de comprensión para canto acontece.  
Abraia ver a Fina Foira erguendo a ollada para canto ocorre no mundo. E lembrando o pasado cun xesto comprensivo para as fraquezas humanas e pasando o pano branco do esquezo pacífico sobre canto ten sufrido este país, dorido, tenro, alebrestado, calmo, onde nos tocou vivir. Para mín Fina Foira é unha regalía, Unha rosa viva na roseira dos meus afectos. E nela poño todo o meu cariño neste 17 de Maio, festa rachada en Galicia (porque festexamos lingua e literatura, todo o mesmo) e tamén no meu corazón. Porque Fina Foira cumpre 100 anos. ¡E que cumpra moitos máis!

Fina Foira cumpre cen anos

Te puede interesar