Adeus, Finiña, boa viaxe

Escribín unha vez un poema triste (os poemas adoitan ser tristes, se non ¿para que?) no que falaba do tempo como un carro de vacas pasando camiño d´O Empedrón. (O Empedrón, de Xuvia, a miña nenez nunha nube de verán, con Pepa, Isabel e Fina, na horta das marabillas que baixando chega á ribeira). Aquel poema, escrito “despois de tantos anos e vestiduras negras” ía adicado a Fina Foira, morta onte, logo de cen anos e un alento máis, cando abril abrilea e os cucos comezan cucar con intensidade. Se digo Fina Foira digo con ela parte da miña vida, e palabra sabia, e maneira liberal de vivir, atenta, curiosa, lectora, por máis que o seu ollar, dourado polos solpores de Ancos, mariñeiro da ribeira de Xuvia, tivese os límites dunha época dura, que nunca deu laminado a bonhomía de Fina, cordial como a illa da Repunta, onde ás veces os lavancos. Veño de recibir unha mensaxe de Luís Torres Foira, amigo fraternal (debera ser pleonasmo obrigado), espido, breve, aceirado cal un epigrama dorido: “Foisenos Fina Foira, camiño do Empedrón”. Veño de sabelo, e prego coa forza un prego non sei se laico mais cheo de relixiosidade telúrica, a que nos vencella á terra d´O Empedrón e máis d´O Portazgo, de Xuvia-Neda, un prego porque Fina teña a mellor das viaxes. E prego tamén por nós, que tanto quixemos a Fina Foira, para que nunca medre no nosa morada a flor do esquezo. Marchou Fina Foira, dama derradeira dun tempo que lá vai no Camiño Vello, mais con xente como ela “nun retorno perenne”. Boa viaxe, Finiña, amor. (Hoxe ás 17.15 será o sepelio no panteón familiar do camposanto de Santa María de Neda. Celebrándose despois unha misa-funeral na igrexa de Santa María.) 

Adeus, Finiña, boa viaxe

Te puede interesar