Reformulación ou ruptura

Non me considero español e recoñezo que non digo isto con alegría. Dígoo porque esta Espanha creada a golpe de espada fai máis ou menos cincocentos anos, fixo que a miña terra desde entón non levante cabeza. Unha Espanha que minusvalorou e psicologuizou as galegas e galegos, de tal xeito que conseguiu que unha maioría das nosas paisanas e paisanos vexan a Galiza como un país sen capacidades, un pais que non vale, un país onde aínda hoxe en día os nosos sinais identitarios, entre eles o máis importante, o noso idioma, para moitas galegas/-os é de pobres e analfabetos e un país que pensa que sen Espanha non é ninguén. 
E quen estea a ler isto pode dicir; si, vale, mais isto foi hai moito tempo. Hoxe termos governo propio e somos nós os que tomamos as decisións do que pasa na Galiza. Mais a realidade non é así. Porque; que supuxo a autonomía durante estes case corenta anos?
Primeiro de nada, no referente á protección e posta en valor dos nosos sinais de identidade(a língua, a cultura, a recuperación dos nosos símbolos históricos) algo fulcral nun proxecto de país, nunca foi de interese polos governos do PP na Xunta. 
É máis desde Aznar e agora con Raxoi, o PP de Galiza non só  mostrou deixadeza ante estes temas, senón que empezou a combatelos agresivamente nun afán recentralizador e de castelanización do noso país.
Desde o económico, a reforma do artigo 135 da constitución, pactada polo PP-PSOE, fixo que perdésemos o control sobre as nosas políticas orzamentarias implementando, ademais, medidas de control do déficit máis estritas para Galiza que para a administración central. 
Desde o poder central decídese a supresión da atención sanitaria universal, a redución ás axudas da dependencia, a situación do noso sector naval, a destrución do sistema financeiro galego, as políticas en contra dos estafados polas subordinadas e preferentes galegos, a eliminación do tren de proximidade, a reforma da PAC etc... Todo isto para beneficiar aos poderosos (banca construtoras...). Estas políticas recentralizadoras, son as causantes dos graves problemas sociais que vive hoxe en día o noso país
Porque mentres a nós, nos impiden non só aumentar, senón que obrigannos a destruír emprego público en sectores claves do benestar, limitando os recursos económicos e humanos, hai que dicir que a administración central non se aplicou a conto. Cabe sinalar que mentres as 17 autonomías teñen (separando a sanidade e a educación) 216.000 traballadores, a administración central ocupa a 220.000 traballadores, ou por exemplo moitos preguntámonos: a que se dedican os case 7.000 empregados do ministerio de educación non docentes, cando na Galiza nos obrigaron desde Madrid, a botar mestres a rúa nestes derradeiros anos, con todo o que isto supuxo para o noso sistema educativo.
 Noutro eido, o rural, debido á falta de dinamismo económico e á carencia de infraestruturas, fai que estes concellos estean sumidos nunha regresión demográfica. 
Grazas á falta de políticas de emprego por parte da Xunta, como crear na Galiza unha industria transformadora do produto xerado no sector primario, que poña en valor este, fai que non se cree emprego e a maior parte do produto xerado siga a exportarse a outras partes do estado, xerando alí a maior parte da riqueza. 
Esta falta de industria agroalimentar, tamén fai que non se poida absorber o emprego destruído neste sector primario por culpa das políticas da UE, co visto bo de Madrid e a Xunta. Isto trae consigo ademais, que o rural estea nun proceso de envellecemento. No ano 2013 os maiores de 64 anos eran máis do 30% da poboación e os menores de 16 anos só representaban o 9% da mesma. 
Todo isto, o abandono do rural por parte das súas xentes, é consecuencia do desinterese dos governos do PP  na Xunta de Galiza, por modernizar e dinamizar o rural galego, como si se está a facer noutros países do noso entorno, como por exemplo a Francia. A Xunta non fai outra cosa, que promover as políticas do estado que van en contra do noso agro para favorecer o agro español.
Outra cuestión que chama a atención neste modelo de estado, é que, por exemplo, na pesca, sendo Galiza unha das potencias pesqueiras máis importantes do planeta, o cal trae consigo que sexa un sector clave na nosa economía, a defensa deste sector ante a UE non recae nun representante das galegas e galegos, senón en xente doutras partes do estado. 
Cabe recordar ao Sr Cañete PP (estremeño que non soubo o que era o mar ata que saíu da súa comunidade) representante da pesca española ante a UE, que foi o artífice fundamental do declive deste sector na Galiza, executando e parabenizando as políticas destrutivas de pesca da UE cara ánosa flota, a cambio de potenciar outros sectores produtivos españois, sempre co visto bo do governo da Xunta de Galiza.
No eido das finanzas estamos ante un estado totalmente centralizado, onde os ingresos os controla directamente el e a súa distribución entre as diversas comunidades resérvase este, o dereito de redistribuílos como queira. 
Isto veu acompañado durante moito tempo da falsa idea de que é el quen xera a riqueza e grazas á súa solidariedade, Galiza pode ser quen. 
É dicir: vostede ten un fillo en Madrid, vostede cada mes mándalle o soldo; el despois devólvelle unha parte do que el crea conveniente e recórdalle ademais, que está vostede vivindo grazas a el. 
Tamén negou ao governo galego a capacidade de crear novos impostos, instaurando un sistema fiscal propio co cal se poidan executar as competencias asumidas por Galiza, deixando soamente a capacidade de crealos nas faragullas que deixa o estado. 
Nesta redistribución que fai o estado, aínda encima de devolvernos soamente unha parte do total do que na Galiza se recada, esta redistribución non atende a realidade do noso país(envellecemento da nosa poboación, demografía...).
Xa para rematar, como di Jorquera, ex voceiro do BNG no parlamento galego, a crise das autonomías soamente ten dúas saídas viábeis: a ruptura co estado ou a súa reformulación, onde sexa recoñecido a realidade plurinacional e a soberanía dos povos que a conforman.

Reformulación ou ruptura

Te puede interesar