Carta aberta ao comisario de Ferrol

Teño que recoñecer que xa había ao menos dous anos que quería escribirlle esta carta Sr. Comisario, D.AngelJesús Casanova, mais non me daba decidido. Non tanto polo temor a represalias (un ten o lombo moi ancho) como por non encontrar o momento de poñerme diante do computador a escribir isto. E tiña ganas tras ler nos medios de comunicación as declaracións súas no patrón da Policía onde vostede fala, da baixa criminalidade desta comarca respecto a Galiza e ao resto do Estado. 
Segundo vostede, a policía española centra o seu traballo na loita contra o terrorismo, algo que fan a perfección, hai que recoñecer. Un rapaz froito da súa xuventude pon un petardo nun caixeiro, (algo totalmente condenable e que merece o seu castigo) e non pasan dous días sen que estea detido. Fala tamén da súa loita contra os delitos nas redes sociais e a violencia de xénero. E por ultimo vostede fala de que a policía centra o seu traballo na loita contra o crime organizado e a seguridade cidadá, algo que vai fortemente unido, sendo isto o motivo desta carta.
Se collemos as súas declaracións da baixa criminalidade desta comarca entón, entre vostede e máis eu, teríamos que poñernos de acordo en primeiro lugar, en que entendemos por criminalidade. Sen dúbida se por criminalidade entendemos, imperios que se montan coa venta de catro cafés, falsos médicos (non vou dar nomes non vaia ser que algún xuíz me mande para a cadea) que aparecen con centos de millón das vellas pesetas e decenas e decenas de propiedades ao seu nome e da súas familias. Se por criminalidade entendemos ao famoso Nano e Lalo (cabe dicir que neste povo quedan aínda uns cantos Nanos e Lalos de luva branca que levan máis de trinta anos desangrando familias), que tivo que ser a policía dos Estados Unidos quen deran o aviso a Madrid non a vostedes, se entendemos as redes sexuais de raparigas que tivo que ser Madrid quen fixera a redada, o se entendemos a mafia farmaceútica que pulula libremente por esta comarca, por dicir casos que son algúns vox populi, entón a criminalidade non é tan baixa e o de loitar contra o crime organizado nada de nada.
 Por outro lado, se mirarmos as cifras dos delitos, máis do 95% da xente que esta na cadea é por temas relacionados co consumo de drogas. Porque a droga señor comisario, para unha persoa consumidora, se antepón incluso a necesidades fisiolóxicas básicas. Experimentos levados a cabo con ratas de laboratorio, ás cales se lles ensinaba a escoller entre unha pelotiña de droga e unha pelotiña de comida (só podían escoller unha das dúas por día), as que probaban a droga elixían esta continuamente chegando a tal extremo, que morrían por inanición. Porque, Sr. Casanova, a maioría dos delitos das persoas que están na cadea (roubo de coches, tiróns, atracos en vivendas,etc...) son cometidos pola necesidade imperiosa de consumir estupefacientes. 
E é precisamente esta criminalidade, a criminalidade da miseria, a que vostedes perseguen. Vostedes, Sr. Comisario, perseguen ao máis baixo da escala, combaten soamente o lumpen. E cando un rapaz destes o seu cerebro madura e decide deixar estas condutas de risco, como é o consumo de drogas, aínda que teña a sorte de non ter delitos, os seus amigos, Sr. comisario, caen sobre eles como aves de rapina. E ao menos que esta rapazada teña familias fortemente estruturadas élles moi difícil deixar este tipo de condutas. Porque os seus protexidos son expertos, expertos en quitar a honra; expertos incluso en desestruturar familias con tal de non perder clientes, que non falen as súas vítimas e incluso culpar as súas familias.
Mais o que esta a escribir isto non o culpa soamente a vostede. Que pode facer vostede cando os seus xefes políticos actuais prefiren ser noticia por romper os ordenadores reclamados polos xuíces a marteladas a que se saiba o contido de ditos ordenadores. Sen dúbida non hai que ser moi intelixente pra darse conta de que lá se agochaban os cartos dos negocios mais execrables deste momento histórico que nos tocou vivir. Porque son os delincuentes de luva branca, os que provocan a delincuencia da miseria, a cal a súa vez, provoca a inseguridade cidadá. Todo vai unido.
Nin que dicir ten que se legalizásemos as drogas posiblemente se pecharían a gran maioría de cadeas do estado, algo que está a suceder en países que decidiron legalizar os estupefacientes, xa que se quedaron sen delincuentes. Ademais aliviaríase o sufrimento, polo menos en parte, de innumerables familias. Porén o sistema veríase afectado. Porque un se pregunta onde estános cartiños das drogas, Sr. comisario. Onde están os centos de miles de millóns que move o narcotráfico e que vostedes non atopan nunca. Seguramente se formos detrás da caixa forte nos atoparemos cos verdadeiros delincuentes.
Xa pra rematar é indubidábel que calquera estado necesita ter forzas de seguridade, mais tamén seguramente pensadas pra axudar e protexer o povo, non ao poderoso. Porén a fin de contas, como di Chomsky,“o problema non é que na caixa das mazás sempre ten que haber algunha podre o problema é que é a caixa a que apodrenta as mazás”. O problema é o sistema.
Moi atentamente, unha vítima dos seus protexidos, socios e amiguetes.
 

Carta aberta ao comisario de Ferrol

Te puede interesar