Camiñemos todos xuntos da man

esde sempre os animais humanos, concretamente os grupos de poder, sempre buscaron vítimas, polo xeral grupos diferenciados i en minoría, nos que descargar as súas incompetencias, frustracións, rabias, ademais dos seus temores para, deste xeito, non ser xulgados por unha parte importante da sociedade. Colectivos como o colectivo Gay, o cal sufriu e está a sufrir, durante moitos séculos, a persecución dunha maioría da sociedade polas súas diferenzas sexuais e por ser un grupo minoritario, hoxe 28 de Xuño celebra, por desgraza, o seu día, o día do orgullo Gay. E digo por desgraza, porque ter que celebrar este día, de xeito que sirva, para facer unha chamada de atención ás nosas sociedades, só indica que, a pesar de que xa estamos no século XXI, aínda queda moito camiño que percorrer para que estas persoas poidan vivir en igualdade de condicións que calquera outro membro da sociedade.
Desde pervertidos, enfermos mentais, que se foron abusados por un tío, ata na actualidade libros e clínicas que promoven terapias, as cales prometen a curación da homosexualidade, é o que estas persoas, entre outros moitos prexuízos, tiveron e teñen que aguantar no seu día a día. 
É preciso sinalar que ata 1973 a homosexualidade e a bisexualidade non foron retiradas do manual de diagnostico de enfermidades mentais, posibelmente grazas a que, uns anos antes, a comunidade gay de New York, un día tal como hoxe, 28 de xuño, xerou uns fortes disturbios e manifestacións para protestar contra unha redada policial no bar Stonewall inn de dita cidade, o que serviu posibelmente como xermolo no mundo da loita pola igualdade de dereitos destas persoas. 
Por sorte a maioría das sociedades do chamado “mundo desenvolvido” ou tamén chamado “primeiro mundo” xa que noutras sociedades hoxe en día, aínda é perigoso para estas persoas mostrar en público a súa condición afectiva-emotiva, evolucionaron e hoxe en día a homosexualidade é vista como algo natural na condición humana. Estudos recentes de psicoloxía en mozas e mozos da dereita democrática(dáse por suposto que as persoas de esquerdas non penalizan estas relacións) en diferentes países, ven como algo natural e normal a homosexualidade. 
Soamente colectivos marxinais e residuais e cando falo de marxinais e residuais non me refiro só desde o punto de vista socio- económico senón tamén ideolóxico os cales, son os máis perigosos pra os dereitos fundamentais e básicos dos seres humanos, critican e penalizan estas condutas. 
Cabe sinalar que hoxe en día a psicobioloxía, conseguiu, ou mellor dito está a conseguir, explicar cal vai ser no noso proceso de formarnos como persoas, o que ditamina a nosa orientación sexual. 
Polo visto a exposición do cerebro do feto a determinados niveis de testosterona da nai nunhas semanas concretas da xestación, xunto posibelmente con outros factores, en proceso actual de investigación, é o que nos vai a dar a nosa orientación sexual e ademais, é o que vai a dirixir as nosas relaciones afectivas emocionais. 
Porque é preciso sinalar que non se é homosexual ou lesbiana por deitarse con homes ou mulleres. O que dá a condición de Gay son as relacións afectivas emocionais destas persoas. Neste punto é preciso dicir, que en moitas outras especies da natureza as relacións sexuais, por exemplo, entre machos están normalizadas. 
Falo non só de determinadas clases monos, senón por exemplo dos golfiños en liberdade. Nesta especie animal os machos adoitan ter relacións sexuais entre eles de xeito habitual para forneceren os vínculos del grupo.
Mais volvendo ao día do Orgullo Gay, do cal este ano hai que dicir, que foi elixida a cidade de Madrid como referencia mundial entre este colectivo para celebrar o 28 de xuño, cada vez saen máis voces á palestra pública (lembrades a declaracións a un medio escrito da vella e corrupta ex-reina española) criticando que se festexe este día. 
Que se falla de discreción, falla de modestia, que se os que non somos gays non saímos a reivindicar nada e somos máis, que se chamarlle Día do Orgullo etc., son cuestións que, ano tras ano, desde hai un tempo recente, están presentes nos medios de comunicación, polo que un se pregunta: onde estaba e están todas estas voces críticas cando se marxinaba, cando se perseguía a estas persoas e se vulneraban e se vulneran os seus dereitos como seres humanos? Porque é preciso recordar que en moitos países dos mal chamados desenvolvidos, hai escasamente cinco décadas, aínda podían meterte na cadeira mais de vinte anos por ter relación sexuais consentidas entre adultos, se estas eran entre persoas do mesmo xénero. 
Onde están todos estes profetas do correcto, cando en moitos países do planeta na actualidade se persegue, criminaliza e incluso se axustiza a estas persoas pola súa condición afectiva emocional. 
Porén o que si é xusto dicir e se lles pode reprochar e que incluso persoas pertencentes a estes colectivos critican, é a mercantilización desmesurada deste día. 
Mais isto é normal nunha sociedade de consumo, como a que rexe neste momento histórico que nos está a tocar vivir, xa que entra dentro da lóxica pura e dura dos capitalistas e do capitalismo., sacar o máximo proveito económico á festividade e banalizar o día.
Xa para rematar, é indubidábel que se queremos os galegos e as galegas construír un país en base a unha ideoloxía feminista, ecoloxista e de clase, é dicir un país igualitario, é fulcral que todas nos involucremos na loita deste colectivo, penalizando coa máxima dureza que permite a lei e a sociedade aqueles discursos que só espallan odio contra as persoas que son diferentes. 
Collamos e vaiamos todos e todas as galegas ás distintas cidades do país onde se conmemore este día e mostremos o noso apoio a estes colectivos, para demostrar que as condutas baseadas na discriminación non teñen cabida no noso povo. 
Destarte poderase dicir que na patria de Rosalía todas as persoas, sexa cal sexa a súa condición afectiva emotiva ou máis concretamente, se un prefire, a súa orientación sexual, viven en autentica condición de igualdade. 

Camiñemos todos xuntos da man

Te puede interesar