Ademais de corruptos, descerebrados

Hai uns días xuntáronse  en Marrocos os representantes da maior parte dos países nun cumio do clima para empezar a adoptar as medidas tímidas, hai que dicir que se acordaron no pasado cumio de París coa fin de comezar a descarbonizar a economía mundial e así intentar conseguir que a subida de temperatura que vai sufrir a terra por culpa dos gases de efecto invernadoiro sexa menor.
Xunto coa apertura deste cumio, (xa rematou e non se puxeron de acordo) nas redes sociais do Estado español apareceu un vídeo coa intervención de Rafael Hernando, destacado representante do PP no Parlamento español, coñecido por facer declaracións de moi mal gusto contra as familias dos desaparecidos do franquismo, o cal, chamaba ecocomunistas aos que falaban das graves consecuencias do cambio climático. 
O susodito Hernando comentaba que el estivera a finais dos oitenta e principios dos noventa levando temas de medio ambiente no Parlamento e que xa daquela, estes ecocomunistas alertaban do cambio climático e as nefastas consecuencias que ía traer pra o estado español como, por exemplo, a subida do nivel do mar. O sr. Rafael aseguraba nesta intervención no Parlamento, que el hoxe en día, vinte cinco anos máis tarde, non puido comprobar nada do que estes ecocomunistas presaxiaban.
 E un  pregúntase, que facía xa daquela e que fai hoxe en día o sr. Hernando no Parlamento ademais de quentar a cadeira? Informes oficiais de hai xa uns cantos anos alertan de que o nivel do Mar Cantábrico e o Atlántico están subindo 1,5mm por ano e o Mediterráneo 0,7mm tamén por ano. 
Estes informes tamén falan de que a temperatura no Estado español no período desde 1970-2000 subiu 1,5 grados, ou que o sector vitivinícola está vendo a súa produción  afectada desde hai xa uns cantos anos. Outros dos sectores que están a padecer as consecuencias do cambio do clima é a hostelaría dos Pireneos.  Aquí as nevadas e os glaciares pirenaicos descenderon en un 75% nos derradeiros trinta anos, co cal o sector e a economía da zona están en serio risco. Tamén alertan de que a produción agrícola de secano e a do sur de España, está diminuíndo debido ao cambio climático. 
As vagas de calor tamén van en aumento e os días con mais de 25 grados tamén aumentaron. Cabe destacar que no ano 1995 houbo 93 mortos e no 2003 141 mortos debido ás vagas de calor que afectaron ao estado. Xunto a isto estes informes oficiais tamén alertan da maior salinización do chan en determinadas zonas, dunha maior facilidade para que se transmitan enfermidades, como as hepatites, lexionellas etc..., maior número de pragas agrícolas  e menor produción das froiteiras, algo que estamos a padecer na Galiza desde hai xa uns anos, como puidemos comprobar este verán pasado; nos mercados apenas houbo froitas de temporada ou a nula produción de patacas vellas este ano.
Dito isto teño que aclarar que  lles chamo  descerebrados (o de corruptos  gañárono a pulso) non porque non teñan cerebro. Ao revés esta xente do PP, os cales son os principais negadores do cambio climático no estado español, teñen moi bo cerebro e saben moi ben o que din e para quen o din. 
É indubidábel que o sr. Hernando coñece as consecuencias que esta a ter a combustión de fósiles para xerar enerxía, xunto coa sobreexplotación a que estamos sometendo o planeta. Mais o individuo en cuestión, o que debe andar a buscar é unha cadeira nunha gran empresa da enerxía cando deixe a política ou el dedicarse a dar charlas negando o cambio climático, como fai o seu anterior líder o sr. Aznar. A fundación  deste recada cerca dos dez millóns de euros todos os anos, en parte grazas ás conferencias que dá por medio mundo, negando dito cambio, pagadas e patrocinadas polos principais negadores do cambio climático estadounidenses. Xa que é ser un descerebrado  estar a hipotecar o futuro dos teus conxéneres, da túa propia familia a cambio de poder vivir un opulentamente, porque, o mundo que coñecerán os nosos netos cando sexan maduros, vai  ser con certeza, un mundo totalmente diferente a como o coñecemos nós, por culpa da contaminación e a sobre explotación á que estamos a someter a Terra neste mal chamado desenvolvemento. 
Xa para rematar tamén se confunde ao chamar ecocomunistas aos que defenden a descarbonización da economía e da vida en xeral e piden apostar polo uso de enerxías limpas como fonte de enerxía. Porque que un saiba o carbón marxista contamina o mesmo que o carbón capitalista, igual que a enerxía nuclear comunista produce os mesmos perigosos refugallos que a enerxía nuclear capitalista. 
Porque é indubidábel que o marxismo é igual de produtivista que o capitalismo, o único que cambia é que os medios de produción están en mans do proletariado. Mais con toda seguridade que para frear o cambio climático, non só hai que cambiar as fontes de enerxía, senón tamén o modelo de vida fundamentalmente dos países mal chamados desenvolvidos e ir pensando en ser menos produtivistas  se non queremos acabar abafando  a terra.

Ademais de corruptos, descerebrados

Te puede interesar