A loita continúa

O 25 de Xullo de cada ano celébrase na Galiza o día da Patria Galega e digo ben Día da Patria Galega, sen sucedáneos, onde as galegas convencidas e orgullosas da nosa identidade e do noso país. saímos ás rúas de Compostela para mostrar a España que o povo galego non se rende e que imos  seguir na loita ata que os nosos dereitos como nación nos sexan devoltos por parte do Estado español.
Máis este ano foi un ano especial marcado polo referendo totalmente democrático que quer realizar o povo catalán, o cal está a sufrir un brutal acoso por parte do Reino de España. 
Unha manifestación en Compostela masiva onde ano tras ano nótase un aumento significativo da mocidade que se une na defensa do noso país. Un país que non para de ser espoliado e saqueado por parte da oligarquía española. 
Desde un sector agrogandeiro totalmente desamparado e abandonado á súa sorte por parte deste goberno de títeres que está na Xunta de Galiza; un sector naval civil en declive por culpa das políticas de Madrid, algo do que sabemos moi ben nesta comarca, xa que  levamos a sufrir as consecuencias desta desfeita dende hai máis de trinta anos; a perdida de dereitos dos galegofalantes e o intento do PP de Galiza de converter a nosa lingua  en algo residual; o roubo dos nosos recursos como é o aforro das galegas; a destrución do noso medio ambiente para que a industria Madrileña produza sen que nos obteñamos ningunha compensación a cambio e un longo etc... que fan de Galiza claramente unha colonia do Reino de España
Todo isto é parte da manifestación do día da patria galega. Un 25 de Xullo que se se reivindica é grazas a que en 1968 en plena ditadura franquista membros da UPG colgaron unha faixa na alameda de Compostela co fin de recuperar o que en 1920 as Irmandades da Fala idearan, xa que é normal que toda nación teña o seu día e o conmemore.
E conto isto porque hoxe, 12 de agosto, celébrase por desgraza o corenta e dous aniversario do asasinato por parte da policía española do membro da UPG, o camarada Moncho Reboiras, na rúa da Terra. Un Reboiras vilmente asasinado e cuxo delito foi loitar polos dereitos fundamentais do noso povo.
Porque Reboiras xa o tiña claro; o franquismo como tal estaba a morrer, máis a “democracia” que  se vía vir nin era tal como estamos a comprobar, nin viña a solucionar os problemas do noso país. 
Unha democracia española que desde o principio estivo sempre infestada polas cloacas do franquismo en todas as súas estruturas e onde os cachorros que deixou a ditadura seguen a gobernar e controlar o Estado español. Unha España, a cal xa é considerada como o Estado máis corrupto da UE. 
Cabe sinalar que en moitos medios de información tanto europeos como norteamericanos cada vez que se refiren ao goberno actual do Reino de España nomean a este como a dereita corrupta española. Porque se buscamos o significado de Mafia no dicionario atoparemos: Grupo que se organiza para defender os seus intereses e exercer o control nun ámbito o actividade determinada. 
E iso é o que está a suceder no Reino de España, con este PP que designa e cambia ao seu antollo os xuíces, mandos policiais e fiscais para deter e torpedear calquera investigación ou posíbel condena, no referente aos seus múltiples escándalos de corrupción. 
Cabe sinalar que o Sr. Raxoi é o primeiro presidente da historia recente da democracia neste pseudodemocrático Estado  que ten que declarar diante do xuíz como imputado nos casos de corrupción do seu partido, do cal era e é o presidente. 
Máis el di  que non sabía nada, que as súas funcións eran políticas non das finanzas. Se mo permite o lector: Manda truco,non ten vergoña.
Máis isto da corrupción, aínda que nas elites do PP o de roubar xa lles vai no ADN e digo dirixentes, xa que os seus votantes a gran maioría son seguramente xente honrada, a proba é o millón de votos que perderon nas últimas eleccións xerais, digo que o da corrupción é unha consecuencia do sistema socioeconómico que nos está a tocar vivir. Un sistema totalmente  podrecido, o cal utiliza eufemismos como a palabra democracia para xustificarse.
Dicía o escritor e pensador portugués Saramago que ao longo da súa vida se decatou de que a maioría dos humanos cuestionabamos todo excepto a democracia. 
Porque se por democracia entendemos: réxime de goberno na que a soberanía reside no povo e  é este quen elixe aos seus representantes, eu pregúntome: Quen elixiu aos dirixentes do FMI, do Banco Mundial e outros grupos opacos que tanto dano están a facer ás maiorías sociais para beneficiar a ese 1% da poboación mundial? Ou cando nos preguntaron ao povo polas reformas ultimas da constitución española co pretexto da crise, quen elixiu aos negociadores do TTIP ou CETTA ou quen decidiu que o acordo ao que se chegue con estes tratados  se debe manter oculto, incluso a maioría dos representantes electos da cidadanía durante decenas de anos e así un longo etc... 
Xa para rematar cómpre que, se a Galiza quere ser como a imaxinaba no seu pensamento e polo que loitaba o camarada Reboiras e loitamos moitos de nós, unha Galiza feminista, ecoloxista, laica e de clase, onde a xente poida vivir dignamente do seu traballo,onde a mocidade non teña necesidade de emigrar se quer formar unha vida, onde os colectivos minoritarios poidan vivir a súa vida con total normalidade, onde as mulleres non vivan nunha sociedade na que o machismo ten múltiples facianas, desde as mais salvaxes, ata as mais sutís etc... non cabe máis alternativa que saír da UE e romper con esta cloaca chamada Estado español, para deste xeito ser nós quen decidamos sobre os temas fundamentais que atinxen á nosa terra.
Porén, mentres tanto, hoxe, 12 de agosto, as galegas, sexa cal sexa a nosa ideoloxía, se de verdade loitamos por un país máis xusto e solidario, vaiamos todas aos diferentes actos que conmemoran o asasinato de Moncho Reboiras, a expresar e dicir que a súa loita está e estará en nós presente, a loita de todas as galegas-os boas e xenerosas, até conseguirmos unha Galiza ceibe e soberana.

A loita continúa

Te puede interesar