Xohán Vicente Viqueira

unca entendín moi ben porque hai historiadores/as que reducen a tan poucas figuras aqueles/as que dende o nacionalismo loitaron a prol do país. Tampouco se comprende que se dea tan pouca relevancia á revolución de 1846. E sobre todo, aos motíns, folgas e protestas das clases populares, fosen estas das xentes do agro, do mar ou da fábrica, ou de todas elas asociadas en obxectivos comúns. 
O galeguismo sempre foi unha construción colectiva, como todos os procesos político-sociais que teñen por obxectivo a defensa dos intereses das clases populares.
O carácter popular do nacionalismo foi o primeiro que albisquei cando me acheguei á Irmandade Galega de Bos Aires, no ano 1967. Alí había comunistas, socialistas, anarquistas, socialdemócratas, mais todos rexeitaban a ditadura franquista. Sentíanse parte dunha terra rica en potencialidades, mais marxinada e oprimida, o que forzaba a boa parte dos seus habitantes a ter que emigrar. Todos e todas desexosos de voltar, vivían esmagados pola morriña.  
Unha desas personalidades esquecidas é Xohán Vicente Viqueira. Sobre el publicouse na colección “Mestres do galeguismo”, por iniciativa da Irmandade Galega de Bos Aires, no ano 1968, con texto de Luís Veiga de Campo, un libriño no que se recolle a súa biografía e algúns dos artigos de maior interese. 
Dado que este ano cúmprese un século da Asemblea Nacionalista de Lugo, é obrigado telo en conta. Viqueira naceu en Madrid en 1886, fillo de galegos, e ate os 12 anos viviu nunha aldea preto de Betanzos. Logo estudou en Madrid, Paris e Alemaña. En 1917, gañou a cátedra de psicoloxía do Instituto de Compostela e ocupou tamén a do Instituto da Coruña. Nesta última cidade desenvolveu unha forte laboura a prol do galeguismo ate a súa morte en 1924. Foi presidente da Irmandade da Fala e colaborou na revista “A Nosa Terra”. 
Con respecto á relación entre nacionalismo e socialismo escribiu Viqueira: “Dous termos que non se poden contrapor (...) o segundo é probabelmente un aspecto do primeiro. Nacionalismo é irmandade na patria, é sentimento de comunidade ideal, é vontade de vida unánime traballando nun momento da humanidade (...) o fondo de todos os socialismo di, que a ninguén lle falte pan dabondo, que todos teñan un fogar baixo a garimosa teitume, que a escola sexa igual para todos, que non haxa fame nin tiranía”. 
“A Nosa Terra” voceiro das irmandades lembrou a súa figura na data da súa morte todos os anos en lugar destacado, cualificándoo de mestre, filosofo e sabio... Por algo sería.

Xohán Vicente Viqueira

Te puede interesar