Un salario mínimo de mil euros

n novembro do ano pasado, o Congreso aprobaba unha proposición de lei de Podemos, que contou co apoio do PSOE, co obxectivo de aumentar o salario mínimo interprofesional (SMI) ate os 950 euros para o ano 2020. 
Porén, a disolución das Cortes impediu a súa tramitación. E o pacto posterior entre PP e PSOE, fixou o SMI en 707,6 euros ao mes en 14 pagas. 
Semella que isto afogou o debate. Algo que ten lóxica, porque os acordos previos entre os partidos da oposición con maior representación parlamentar partían dunha postura tímida e incoherente. Asemade, téñase en conta que a Carta Social Europea propón que o SMI corresponda ao 60% do salario medio. Ou sexa, no caso do Estado español, serían 933 euros en 14 pagas. Máis de 200 euros por riba do pactado entre o PP e o PSOE.
No ano 2007, o ministro do PSOE Jesús Caldera comprometíase a un SMI de mil euros no 2016. Isto amosa que un salario mínimo de 1.000 euros é moi razoábel. 
Dirase que polo medio estivo a crise. Mais neste período, para alén dos primeiros anos, os beneficios empresariais non deixaron de medrar, mentres os salarios baixaron un 9,2%, aumentou a precariedade laboral e as pensións perderon poder adquisitivo. 
Polo tanto, sobran argumentos para que o SMI sexa igual ou superior ao que propón a Carta Social Europea do Consello de Europa, un organismo da orbita da Unión Europea. 
A diferenza das institucións económicas, cuxas directrices son aplicadas co máximo rigor, os organismos sociais europeos emiten simples recomendacións. Son a cara social, democrática, da Unión Europea. Valen de algo? 
En principio só serven para encher de razón reivindicacións necesarias e xustas como a do Salario Mínimo Interprofesional. 
Mais despois, todo depende da mobilización, da correlación de forzas, da coherencia dos sindicatos e partidos en relación coas reclamacións da clase traballadora. 
Na práctica, unhas forzas pactaron co Goberno, e outras ficaron atrapadas pola súa postura morna cando “cuestionan” aspectos do poder económico, mesmo que sexan mínimos. 
Esperemos que no futuro muden esas actitudes, ou estean representados partidos máis firmes. 
Aumentar o SMI, reducir a xornada, eliminar a precariedade, é xusto, necesario e urxente.

 

Un salario mínimo de mil euros

Te puede interesar