Rusia, o novo curso

Na época na que eu vivía na Arxentina, cando a situación social e laboral estaba moi tensa, fose con gobernos radicais ou de dereita, e sobre todo nas  etapas de ditadura,  axiña  daban a voz de alarma de que albiscaran ou tiñan sospeitas de que había un submarino ruso (soviético) nas extensas e pouco protexidas costas do País. 
Evidentemente nunca houbo probas de tales feitos. Eran unha escusa para desviar a atención dos problemas internos, xustificar a merca de armamento, e tomar medidas restritivas. 
Agora, con aparellos de información e propaganda máis poderosos, utilízase como pretexto o terrorismo islamita, e a intervención de Rusia en todos aqueles feitos que non agradan ás clases dominantes. 
O primeiro, é un problema real, alimentado por algunhas monarquías árabes, e alentado polos servizos segredos de varias potencias occidentais, especialmente a norteamericana. Sen dúbida afecta á seguridade das persoas. E a súa eliminación depende de cortar a axuda daqueles que lle dan folgos. 
Mais ate agora serviu esencialmente para restrinxir liberdades básicas, aumentar o gasto militar, e dar carta branca á intervención en terceiros países por parte das potencias occidentais. Non haberá interese en que non desapareza?
Porén, a acusación de que Rusia está detrás do triunfo do Brexit, da elección de Trump, de querer intervir nas eleccións francesas e alemás, e agora, mesmo da declaración da República Catalá, é unha brincadeira, carente de calquera seriedade. 
Se alguén controla a rede e os medios de comunicación son os Estados Unidos. Lembremos a espionaxe a xefes de Estado aliados, por parte das súas axencias de seguridade e as grandes compañías que controlan a rede e a telefonía no mundo. Algo que axiña se silenciou. 
Quen ten capacidade real de incidencia neste aspecto, mesmo para evitalo, é Washington. Quen ademais posúe 200 bases militares en todo o mundo. 
Seguir alimentando a confrontación cunha potencia militar como é Rusia, é dar azos á militarización. Ademais de cínico, é unha irresponsabilidade. Con lume ou fume non se eliminan os problemas reais, sexan de clase, nacionais, ecolóxicos, de xénero, ou democráticos.

Rusia, o novo curso

Te puede interesar