Recuperación ou dentes de serra

O Goberno e máis a Xunta están ledas porque seica se iniciou unha andaina de crecemento, que permitirá rebaixar significativamente o desemprego e recuperar salarios e prestacións públicas. Sen dúbida é unha postura moi optimista, e interesada. O PP quere aproveitar este discurso para dar volta a unhas enquisas que lle son desfavorábeis. Agora ben, son tan destacábeis as previsións de medre da economía?
O aumento do PIB en pouco máis dun punto este ano e de dous o vindeiro é moi débil. Ademais, non se pode ignorar que a eurozona, Xapón, e os BRICS están en mínimos ou perdendo folgos. Daquela, considerar que este é o limiar dunha tendencia ascendente, e non un dente de serra como o que se deu no ano 2010, é moito supoñer nunha situación tan complexa.
Asemade, a maior parte do medre da economía é chuchado pola franxa con maior poder adquisitivo, como indican os beneficios ascendentes das grandes empresas e das maiores fortunas. Esta dualidade nos efectos da crise é consecuencia das receitas neoliberais. O aumento do emprego en economías totalmente abertas só se pode acadar a costa da degradación das condicións laborais, ou da concentración do poder militar, das comunicacións, da tecnoloxía (un posto que fica reservado para as grandes potencias). Por esta razón, aumenta no Estado español e na Galiza a proporción de emprego a tempo parcial e temporal, e medra o peso dos sectores con man de obra extensiva e menor valor engadido na economía; e asemade crece a fenda entre autonomías, como parte dun proceso de reaxuste no reparto internacional e estatal da riqueza, do traballo e do poder.  
A nova correlación de forzas entre as grandes potencias (e destas cos outros estados asociados e subordinados) non está aínda totalmente definida, mais coinciden en superar os atrancos cunha fuxida adiante con menos consenso social e métodos máis autoritarios.
Falar dunha saída da crise é polo tanto moi aventurado. Semella que só se trata dunha corrección que permite un maior reparto do traballo, reducindo os ingresos medios da fracción máis baixa da sociedade. O capitalismo carece de alternativas de progreso para as maiorías sociais.

Recuperación ou dentes de serra

Te puede interesar