Patria, xustiza e democracia

O vindeiro 25 de xullo, Día da Patria Galega, milleiros de persoas axuntaranse en Compostela para reivindicar os dereitos nacionais de Galiza. Mais tamén, para esixir xustiza, solidariedade, democracia. Porque hai moito que o galeguismo considera súas as bandeiras da igualdade. Non podía ser doutro xeito, aínda que xurdise como unha resposta á supresión do antigo Reino de Galiza e á perda de dereitos seculares que isto supuña. Razón pola que estoupou en 1846 a revolta militar, á que se sumaron centos de voluntarios civís, e na que Antolín Faraldo proclamaba a necesidade de que nos temesen e respectasen como pobo.  
Non se pode negar que durante moito tempo o galeguismo aniñou como teoría liberadora, especialmente na pequena burguesía sensíbel co mundo rural, maioritario e marxinado. Como ignorar que o pobo vivía orfo de palabras e cadros, que representasen en toda a súa extensión os sentimentos da rebeldía rural, da emigración forzada, das folgas obreiras ligadas á realidade do país? E como esquecer que, coa rápida destrución do rural, labregos e labregas formaron a nova clase obreira, primeiro nos sectores máis precarios, como a construción, e logo en todas as actividades da industria? E esta evolución viviuna tamén o nacionalismo galego. Non podía ser doutro xeito. Por iso, o galeguismo debátese hoxe entre o marxismo e a socialdemocracia. Aínda que ás veces, esta última só sexa unha representación serodia e fóra de época do keynesianismo, pasando por alto o que representa a globalización neoliberal.
O mundo, e polo tanto a nación galega, confronta hoxe con momentos decisivos. Podería dicir que tan importantes como os da Revolución Francesa, da Revolución Rusa, ou dos procesos de liberación de Asia e África. Mais cómpre saber que teñen máis transcendencia: polo poder nuclear das grandes potencias, pola desfeita dos ecosistemas, polo medre demográfico e, sobre todo, polo grao de desigualdade e cobiza. Nunca a humanidade tivo tantos medios para producir e garantir o benestar, reducindo a xornada laboral e asegurando traballo para todos e todas, en todas partes. Mais iso implica que exista democracia para mudar o sistema.  

Patria, xustiza e democracia

Te puede interesar