O problema está no sistema

studosos do mundo do traballo, como o mexicano Adrián Sotelo Valencia e o brasileiro Ricardo Antunes, veñen alertando hai décadas sobre o medre da precarización laboral. 
Ambos ou dous argumentan que esta é unha tendencia mundial, aínda que máis forte nos países da periferia. Adrián Sotelo dinos no seu último libro, que a precariedade sempre existiu, que o seu retroceso relativo dependeu da correlación de forzas, da fortaleza da clase traballadora. Pola súa banda, Antunes destaca nunha recente entrevista, que na escravitude o traballador era vendido e na terciarización é alugado.  
Ambos salientan que a regresión en materia laboral estase a dar en todo o mundo, e poñen como exemplos Brasil, Francia e Reino Unido. No primeiro, o goberno de Temer alarga a xornada laboral ate as 12 horas diarias, reduce os dereitos dos pensionistas, as compensacións por despedimento e individualiza as relacións laborais. 
Moi semellantes son as reformas que pretende realizar Macron en Francia, mediante decreto. No Reino Unido, xa hai un millón de contratos de “cero horas”, ou sexa de persoas a disposición permanente, ás que só se lles pagará o tempo que traballen en función da demanda (o que non garante un salario). 
Aínda podemos engadir os falsos autónomos, tan de actualidade no caso galego, ou contratar por menos horas das que se paga e polas que non se cotiza. A explotación non ten acougo. Sei que non todos/as os empresarios son iguais, que algún hai con conciencia social. Mais o que está a aumentar, a tendencia dominante, non é esta.
Non se pode dicir que os avances científico-técnicos, o libre mercado, os procesos migratorios,  axuden aos explotados e oprimidos. A robótica debería permitir reducir a xornada e aumentar os salarios. Todo o contrario do que acontece, en beneficio dunha estreita fracción de ricos e poderosos. 
O libre mercado fai competir os traballadores a nivel mundial, e coloca as corporacións por riba dos estados. A migración debería alargar a distribución da renda, mais alenta a marxinación dos países dependentes e aumenta a man de obra de reserva nos países centrais... O problema é de reparto, sistémico, do capitalismo. 
 

O problema está no sistema

Te puede interesar