Non hai cambio sen mobilización

Os resultados ao Parlamento galego son claros. O PP mantén a súa hexemonía electoral. En Marea substitúe o PSOE como segunda forza, o que agudiza as contradicións internas dos socialdemócratas. O BNG, contra todo prognóstico das enquisas e “politólogos” obtén grupo parlamentar e inicia unha etapa ascendente. Hai quen sinala como cambio máis importante, a reconfiguración da “esquerda”, mais coido que esta valoración é moi reducionista, é unha foto fixa, e na vida, todo está en constante transformación, aínda que as veces sexa moi cativa e outras tremendamente acelerada. 
Para a esquerda, estas eleccións abren un novo período, por razóns moi diversas. En Marea, que definen como unha marca electoral, fica por debaixo do que prognosticaban as enquisas e do esperado polos partidos e persoas que a integran. Dalgún xeito, tanto neste caso, como nas eleccións xerais, o efecto Podemos perdeu azos (e sobre todo atractivo). Conquistar o ceo axiña e grazas a unha marea de votos? A realidade amosa unha e outra vez que as cousas non mudan tan de presa e só pola vía electoral. Por se non abondase, En Marea terminou copada por Podemos (grazas á “democracia online”), e os inventores do “instrumento”, os nacionalistas, só acadaron catro deputados/as de 14. De pouco vale ter un barco con tripulación galega se o capitán está en Madrid.
O nacionalismo de esquerda, o BNG, tamén ten por diante os seus retos. Debe centrar o seu esforzo en fortalecer a organización e a mobilización. Só deste xeito pode avanzar, ao carecer de calquera apoio dos donos do poder. Ademais, non hai condicións para unha recomposición de todo o nacionalismo pola cúpula, a menos que sexa unha marca instrumental baseada no oportunismo electoral. Ten máis eficacia social e futuro político buscar a unidade na mobilización sobre problemas concretos. 
Por último, unha sociedade mobilizada volveu amosar a súa relevancia para a oposición. Porque os resultados terían sido outros cun país ocupando a rúa. Esta é a ensinanza máis importante que deixan estas eleccións. Houbo máis erros, por exemplo, en mensaxes e actitudes que fixeron dubidar da firmeza das propostas de cambio.  
 

Non hai cambio sen mobilización

Te puede interesar