Non é para botar fogos

O Goberno central, para agochar a comparecencia de Rajoy por mor da caixa B do Partido Popular, quere destacar todos os méritos que poda no ámbito económico e social, sexan reais ou aparentes. Daquela que se adiantara para dar por feito un acordo institucional con 200 medidas contra a violencia de xénero, sen que aínda estean pechados algúns aspectos. E agora, compara o medre da  poboación ocupada no segundo semestre, coa chegada á lúa. 
É verdade que nese trimestre medrou a ocupación en 375.000 persoas en todo o Estado español. Mais trátase en gran medida de emprego estacional, dependente do turismo e da actividade agraria, polo que en termos anuais, foi de 512.300. Aínda así, existen catro millóns de parados e paradas. Por outra banda, e non se trata dun aspecto secundario, a maior parte do emprego é eventual ou a tempo parcial, con salarios cada vez máis reducidos e unha enorme rotación na contratación. Non é casual que se fale de ser pobres traballando. 
No caso do noso país, os dados de xeración de emprego son máis baixos, xa que no segundo trimestre de 2017 aumentou en 15.300 o número de ocupados. E en relación ao mesmo mes do ano anterior, só medrou en 14.900. En poucas palabras, en termos anuais, na Galiza creouse só o 3 por cento do emprego do Estado español, a metade do que correspondería pola nosa poboación. 
A anterior é unha cifra que evidencia que o medre do PIB galego non se corresponde coa xeración de emprego, malia o crecemento do turismo (por certo, unha actividade moi intensiva en man de obra). Non se deberá este desaxuste a un medre estatístico artificial das exportacións téxtiles, que non se corresponde coa produción e o emprego no sector na Galiza? Non fará falla un maior control estatístico, ou cando menos unha reflexión sobres os dados, e contar con táboas input-output máis recentes? Segundo a EPA do segundo trimestre, a taxa de desemprego era do 15,33 por cento para os homes e do 16,96 por cento para as mulleres. Unha porcentaxe menor da esperada, xa que está condicionada á baixa pola emigración, a reducida natalidade e unha demografía regresiva. Son as consecuencias dun medre da economía baseado en dar alento á desigualdade. 
 

Non é para botar fogos

Te puede interesar