Natalidade e xustiza social

Unha cousa é poñer en práctica medidas que solucionen os problemas, e outra moi distinta, ter unha mensaxe e realizar accións que non fan máis que paliar un chisquiño os efectos máis regresivos. 
Evidentemente, estas solucións demagóxicas, nas que o importante é a propaganda para saír do paso, son habituais cando a resolución do problema implicaría confrontar cos intereses das clases dominantes. 
Este é o caso do retroceso demográfico e das pensións na Galiza, xa que ambas cuestións dependen das condicións laborais, e moi especialmente do reparto do traballo e dos ingresos. 
No caso concreto da baixa taxa de natalidade, a niveis nos que se cuestiona o futuro do pobo galego, hai razóns de fondo: a emigración dunha parte importante da mocidade (en idade de procrear), a alta taxa de desemprego e precariedade, e os baixos salarios. 
Estes últimos reducíronse durante a crise nada menos que nun 9,2% de media, especialmente no chanzo laboral con menores ingresos. 
Estes son aspectos centrais que frean o aluguer de pisos, a formación de parellas, e a decisión de ter fillos e fillas, máxime cando a xornada laboral real aumentou entre aqueles con condicións laborais máis precarias. E isto último, como todos e todas sabemos, afecta sobre todo á mocidade. A natalidade convértese nunha aventura. 
Ou sexa, dánse todas as condicións para desalentar e mesmo impedir a natalidade nunha franxa moi ampla das familias. 
Polo tanto, as medidas que se poñen en práctica para axudar á conciliación laboral-familiar, sendo positivas, teñen un resultado moi limitado, e normalmente axudan a un segmento reducido, que ten unhas condicións laborais intermedias. 
Solucionar a baixa natalidade está vencellado a terminar cos contratos lixo, rebaixar a xornada laboral (por exemplo a 30 horas semanais, o que eliminaría o desemprego) e subir o salario mínimo interprofesional a mil euros. 
E, dado que os fillos e fillas, aínda sendo froito unha decisión individual, son un ben colectivo, resultaría lóxico que os seus custos económicos fosen cubertos en boa medida con achegas públicas. 
En resumo, fai falla democratización da economía e xustiza social, é dicir, visión de futuro.
 

Natalidade e xustiza social

Te puede interesar