Moncho Reboiras, coherencia e atrevemento

O 12 de agosto de 1975, na rúa da Terra da cidade de Ferrol, a poucos pasos da praza de Armas, Xosé Ramón Reboiras Noia, obreiro, enxeñeiro técnico, dirixente da UPG, morría asasinado pola policía da ditadura franquista. Tiña só 25 anos. 
Este tráxico feito coincidía co despedimento, o día nove, de 1.250 operarios das auxiliares nas Pontes, o que reflicte o álxido da conflitividade social do momento. Reboiras naceu en Imo, concello de Dodro. Mais criouse en Vigo, no barrio obreiro de Teis.
Dende moi mozo, “Moncho” Reboiras bebeu nas ideas de xustiza social e do nacionalismo. 
Nun primeiro intre, ligado ao grupo do Padre Seixas. E despois, á Asociación Cultural de Vigo. Durante a folga de 1972 participou activamente no conflito. Un dirixente de Organización Obreira lembrábame que foi el quen lles facilitou o aparello de propaganda.
A Reboiras coñecino, a primeiros de 1973, poucos meses despois de eu retornar da Arxentina. Moncho era unha persoa de trato doado, de conviccións firmes, que traballaba arreo pola liberación nacional e social de Galiza, e que non esixía nada aos demais que el non estivera disposto facer. Vivín con el un tempo, xunto con Manolo “de Remesar”, na Coruña (a un cento de metros por detrás da cadea). 
Tiña un seiscentos co que facía moitos quilómetros todas as semanas para contactar con persoas en Viveiro, en Lira, nunha aldea de Caldas de Reis, Melide, e en moitos outros lugares do país... 
Non tiña acougo, ás veces pedíame que o acompañase, o que permitiu que falásemos máis de temas sociais, das inquedanzas en relación co futuro do país, dos métodos de traballo do partido...Ao lembrar a súa figura, coido que cómpre valorar especialmente o seu contributo no eido organizativo, tanto a nivel sindical como cultural. 
O nacionalismo democrático e popular acadou neste curto período unha base máis extensa e formada que a existente poucos anos antes, e Reboiras axudou moito neste aspecto. Os xermolos sindicais medraron e deron soporte ao Sindicato Obreiro Galego, ERGA e a Fronte cultural fortalecéronse. Coa seu asasinato, perdeuse alguén que estaba chamado a ser un importante dirixente do nacionalismo.

Moncho Reboiras, coherencia e atrevemento

Te puede interesar