MEDRA O PIB. PARA QUEN?

Os datos económicos destacan un crecemento do PIB; algo que en principio é positivo. Mais tamén indican que medran a precariedade laboral e a desigualdade social. Asemade o Goberno fai propaganda de que baixa a taxa de desemprego. Unha lacra que leva a unha boa parte da poboación á exclusión. Porén, esquece comentar que medran a precariedade e os baixos salarios. Ademais, non se pode ignorar, que a este ritmo tardaríase décadas para que a porcentaxe de parados e paradas fose semellante á anterior á crise, que xa era alta.
A EPA reflicte que no último ano, entre o 2º trimestre de 2013 e 2014, perdéronse 14.900 empregos na Galiza. Estas cifras son negativas, aínda que a evolución en 2014 sexa positiva. Non tería o Goberno que esperar un chisco máis antes de botar as campás ao voo, xa que as economías dos BIRCS están perdendo folgos e aumenta a tensión entre potencias? Tamén cómpre facer matizacións aos datos sobre a diminución do desemprego. Primeiro, porque en boa medida se debe á emigración da mocidade e ao retorno de inmigrantes. Segundo, porque o emprego que se xera é, na súa maioría, temporal e a tempo parcial.
No referente aos salarios, dende 2008 ate 2012, segundo a Axencia Tributaria, os asalariados perderon un 12% dos seus ingresos. Un retroceso que está moi por riba do que sufriu o PIB galego. No Estado español é onde máis medrou a desigualdade durante o período 2008-2011, e o segundo onde a diferencia de ingresos entre o 10% superior e inferior da poboación é máis acentuada, despois de Letonia.
O medre do PIB, polo de agora, vai en boa medida aos bancos, ás grandes empresas e fortunas. E as declaracións do gobernador do Banco de España confirmando que as pensión seguirán diminuíndo, e as do Goberno pedindo máis sacrificios, amosan un futuro complicado para a maioría social.  Todo indica que mentres unha minoría nada na riqueza e acumula todo o poder, as clases populares teñen por diante unha vida de sacrificios. Daquela que nación e clase sigan sendo categorías esenciais para entender o que acontece, e moi especialmente para poder reverter a prol das clases populares a actual tendencia regresiva.

MEDRA O PIB. PARA QUEN?

Te puede interesar