Lume, o escenario más negativo

A Xunta quere canear as súas neglixencias en materia de loita contra o lume, botándolle toda a culpa do acontecido á trama incendiaria (a mesma que o PP negaba que existise durante o bipartito), facendo concentracións de cargos diante das institucións, polas vítimas, e pagando anuncios nos medios.

Hai máis dunha razón para a traxedia vivida estes días polo noso País, parte de Asturias e Portugal. Ante todo están os incendiarios.

Mais tamén, que o monte está descoidado pola desfeita do rural (pensemos só no prezo do leite e outros produtos, que non poden competir nun mercado aberto, industrializado e con condicións de traballo indignas, o abuso de substancias químicas, etc.).

Como consecuencia: perda de poboación e avellentamento. Cómpre mudar o modelo de desenvolvemento, aquí e no resto do mundo. O sistema actual hipoteca o futuro da humanidade.

Tampouco se pode obviar, que as especies coas que se reforestaron áreas de monte ou de cultivo poden ter un rendemento inmediato, mais degradan o chan e modifican os ecosistemas,  favorecendo a expansión do lume.

Sobre todos estes aspectos puido axer a Xunta presidida por Núñez Feijóo e non o fixo. As medidas que tomou foron ineficaces ou careceron do pulo necesario.

Por exemplo, en materia de limpeza dos montes, de dignificación do traballo forestal. Esa é súa responsabilidade política. Non a pode eludir.

Como tamén foi súa, a responsabilidade de desactivar o plan contraincendios a finais de setembro, seguindo un calendario que non tiña en conta as características climáticas excepcionais deste ano. Así o denunciou o BNG varias veces, e o pasado venres, no Parlamento Galego. Dende as filas do PP contestouse que se tomaran medidas “serias e rigorosas”.

Daquela xa os lumes afectaban á Galiza interior. Dous días despois chegaban aos catro cantos do País. Insensibilidade? Descoñecemento? Prepotencia? Desleixo? Para que a vaga de lumes se estendese deste xeito, hai na orixe, causas delituosas, aspectos climáticos, e problemas estruturais. Mais a obrigación da Xunta é contemplar sempre o escenario máis negativo, e non o fixo. Agora debe asumir a responsabilidade política das consecuencias.

Lume, o escenario más negativo

Te puede interesar