As liñas vermellas

Rajoy di que está disposto a falar de todo coa oposición. Mais aclara que o núcleo duro da reforma laboral non se toca. E da cuestión nacional non hai ren a cambiar na Constitución. Esas son as liñas vermellas das clases dominantes, ou cando menos da súa fracción hexemónica. O argumento é que a reforma laboral garantiu o medre da economía e máis a xeración de emprego, esquecendo que este é maiormente precario, que os salarios perderon valor adquisitivo e son máis baixos nos novos contratos. Porén, o medre da economía pouco ten que ver coa reforma laboral.
O crecemento está empurrado polo turismo, por mor dos problemas en países  competidores dada a inestabilidade ou o terrorismo; polo menor valor do euro fronte ao dólar, favorecendo as exportacións; e pola baixada do prezo do petróleo, que mellora a balanza comercial exterior. 
Asemade, a flexibilidade cuantitativa do Banco Central Europeo abarata os cretos ás empresas, e a redución da taxa básica e as exencións ao imposto de sociedades transferiron cuantiosos recursos ás empresas, especialmente ás máis grandes. 
Como se ve, a “milagre” é a suma de factores conxunturais internacionais (os fundamentais), e de políticas regresivas, con inmensos custes sociais e laborais. Isto é o que Rajoy (o PP) non quere cambiar. Non houbo nos seus Gobernos mudanzas estruturais que garantan o crecemento a longo prazo (que desenvolvesen a industria, a investigación científico-técnica).
A outra liña vermella é negarse a recoñecer que o Estado español está conformado por varias nacións, coas súas identidades, historias, linguas, etc. Este feito explica que durante a invasión napoleónica, a Xunta Suprema de Galiza asumise todas as competencias. 
A supresión do vello réxime en 1833 impuxo, ademais da dependencia secular, o unitarismo, e deu azos á Revolución de 1846. Aínda que sexa algo tan próximo, ignórase, agóchase. Todo vale como escusa política para centralizar a economía, a cultura e o poder. Así é lóxico que Catalunya busque outros camiños. 
As liñas vermellas de Rajoy baleiran de contido os acenos de diálogo. Mais sabe que hai forzas que pactaran por menos. Xa o fixeron antes.

As liñas vermellas

Te puede interesar