Gobernar carecendo de alternativas

A conselleira de medio rural, Ángeles Vázquez, contestaba o seguinte a un xornal que lle fixo unha entrevista, nesta última fin de semana: “necesito unha resposta aos incendios, e non a teño; non sei a quen combater”. 
En resumo, asume que as políticas que están a realizar, non valen ou cando menos non son suficientes. Algo que resulta evidente cando valora medidas que non teñen en consideración aspectos tan esenciais, como o tipo de especies co que reforestaron o noso monte: piñeiro e eucalipto. Máxime cando o cambio climático é tan manifesto. 
Sobre os inconvenientes destas especies hai ducias de informes de especialistas. E con secas prolongadas, son unha bomba de reloxería. 
Combater o drama, con máis brigadas, contratacións máis longas, e máis medios contra-incendios, sen dúbida é algo e urxente. 
Porén, ignora a importancia estratéxica dun plano de reforestación que substitúa esta vexetación por outra autóctona. Algo disto recoñece na entrevista. Mesmo admite que a administración debería implicarse máis no tema. Entón, por que non o fai? 
Agora ben, todas e todos sabemos que a cuestión fundamental pasa por revalorizar a actividade agraria. 
E para isto, non abonda con algunhas axudas ás persoas e empresas que se instalan no rural. 
Fan falla medidas de moita maior entidade. Comezando por dar valor aos sectores produtivos, como o leiteiro, cárnico, viño, pataca, horta, turismo, industria, etc. De pouco vale subvencionar novas actividades, se todos os anos pechan centos de granxas leiteiras porque os prezos non compensan os gastos. 
O que acontece co noso agro non é casualidade, nen unha praga bíblica. 
É a consecuencia das políticas da Unión Europea, que favorecen determinadas áreas e produtos. Porque o Estado español  nos usa como compensación na UE, en beneficio da produción horto-frutícola intensiva do Mediterráneo. 
Carecemos dunha voz que defenda en Bruxelas os nosos intereses como corresponde. 
Algo que non ignora a señora conselleira. Mais, se carece de respostas para os incendios, é posíbel que lle aconteza outro tanto en relación cos problemas estruturais do noso País. O honesto sería que dimitise.

Gobernar carecendo de alternativas

Te puede interesar