Emigración e voto

Algúns partidos e analistas afirman que medio millón de galegos e galegas viven no exterior do Estado español. Mais, segundo o Censo de Residentes Ausentes, son 156 mil. Confúndese así emigración con cidadanía, cando esta é unha suma de emigrantes máis fillos e netos que solicitaron a nacionalidade. Os fillos e netos non son galegos e tampouco se consideran como tales, por máis agarimo que teñan á Terra dos seus antergos.
Na década dos sesenta do século pasado residían na América Latina máis de un millón de paisanos. Hoxe non chegan a 97 mil. O maior número de emigrantes galegos (máis de 400 mil), vive noutras autonomías e nacionalidades do Estado español. Como contrapartida, no ano 2015 residían na Galiza 358.726 persoas nacidas fóra do país, un 13,1% da poboación. Non é unha porcentaxe desprezábel e sen dúbida ten incidencia no ámbito cultural e político. 
O cuestión da emigración xorde con forza nos procesos electorais, ligada ao tema do voto. Hai quen quere facilitalo ao máximo, e hai quen procura que se dea baixo condicións de garantía. Esta última postura ten argumentos de peso. Adquirir fóra a cidadanía non ten porque implicar automaticamente o dereito ao voto, como non garante outros dereitos que si teñen os residentes, como servizos e prestacións públicas esenciais. Parece lóxico que se acceda a eses dereitos cando se reside no Estado español. Por que habería de ser distinto no caso do voto? E tamén que se perda cando se leva moitos anos fóra. Os residentes ausentes son unha porcentaxe considerábel do censo electoral galego, medio millón, e poden ser decisivos para a designación de cargos públicos que tomarán decisións que  non afectan a eses votantes no exterior. Non é xusto. 
Por que unha persoa pode votar na Arxentina ou Alemaña, e facelo tamén aquí? Por que ese dobre dereito? A inmensa maioría dos fillos e netos adquire a cidadanía para poder acceder legalmente e de inmediato a un posto de traballo e servizos públicos en caso de ter que emigrar, algo lóxico.  Só unha minoría o fai por motivos sentimentais. Se solicitasen a cidadanía todos os fillos e netos multiplicarían vaias veces o medio millón actual. 

Emigración e voto

Te puede interesar