• Miércoles, 07 de Diciembre de 2016

As eivas e atrancos están no sistema

A globalización fai auga. Guerras que estragan países enteiros, onde grupos de mercenarios, pagados por aliados de potencias estranxeiras, seica non poden ser derrotados polos exércitos destas potencias.

A globalización fai auga. Guerras que estragan países enteiros, onde grupos de mercenarios, pagados por aliados de potencias estranxeiras, seica non poden ser derrotados polos exércitos destas potencias. Destrúese ás agochadas o que non se controla. Migracións masivas fuxindo destes conflitos, da violencia social, da desfeita ecolóxica, e da pobreza extrema. Retroceso das condicións laborais e de vida dunha gran parte da clase traballadora nos estados centrais. Medre constante da economía delituosa e da especulación financeira, etc. 
A globalización, ao servizo das grandes potencias, reduciu a capacidade dos pobos de controlar os gobernos na inmensa maioría dos países do mundo, convertendo a democracia nunha parodia carente de calquera valor práctico. A crise institucional alárgase dende Brasil ate o Estado español, e dende Francia a Estados Unidos. É verdade que non ten as mesmas formas, mais en todos estes casos unha boa parte do sociedade, mesmo intuitivamente, cuestiona o modelo, afástase dos partidos tradicionais ou desengánchase da política. 
Agora ben, este non é só un fracaso da dereita, aínda que sexa a que con máis forza defende este sistema, apoiándose no poder económico e mediático. Tamén a esquerda ten a súa responsabilidade.
A socialdemocracia asumiu o capitalismo hai tempo, e foi renunciando progresivamente á xustiza social co argumento da competitividade. 
En realidade, carece de vontade para que os grandes empresarios cumpran co pacto social que propón. Ademais, as sucesivas desregulacións, perdas de soberanía, procesos de globalización, restaron capacidade para aumentar a presión fiscal, polo que se opta por sangrar o traballo e o consumo. No escenario globalizado, as grandes empresas carecen de control real, xa que poden terciarizar e dislocar, sen custes na imaxe. Asemade, a maioría da esquerda, vella e nova, para alén de medidas de transferencia de recursos aos sectores máis fráxiles, non di como vai resolver a cuestión dos ingresos. Fala de crecer co consumo e terminar coa fraude. Mais esta é consubstancial á globalización, e en moitos casos está legalizada. O nó segue sendo o sistema económico e social.