• Miércoles, 18 de Octubre de 2017

Distribución da renda e pensións

unha boa parte das familias galegas están integradas por pensionistas

unha boa parte das familias galegas están integradas por pensionistas. E ademais, deles dependen para sobrevivir moitas persoas que se atopan no desemprego (un 40% destes últimos leva máis de dous anos no paro).
Polo tanto, as pensións son unha cuestión importante, máxime nun país avellentado como Galiza. Daquela que as políticas regresivas que aplica o Goberno teñen un efecto moi grave, que vai en aumento co paso dos anos.
Teñamos en consideración que os crecementos serán inferiores ao medre do IPC, neste e nos próximos anos, segundo os analistas. Por outra banda as pensións galegas xa son das máis baixas do Estado español. Só nos últimos seis anos, perderon un sete por cento do seu poder adquisitivo.
A pretensión do Goberno, seguindo o ditado da banca, ve nos planos de xubilación privados un nicho de lucro. Polo que potencia estes últimos, deixando as pensións públicas como unha  emerxencia social.
Agora ben, malia a propaganda que se fai deles, na práctica, os planos privados individuais de renda mixta só obtiveron nos últimos dez anos un rendemento medio do 1,24%. Daquela, en termos reais, perderon o 0,18% do seu valor, unha vez descontado o aumento do IPC.
Hai problemas de liquidez no sistema de pensións actual, e están en perigo as futuras. Porque, malia o medre do PIB, e que un 25% das empresas obteñen beneficios superiores ao 10%, os salarios non deixan de baixar, os contratos precarios son a norma, e non se cotiza por moitas das horas.
E como todos e todas sabemos, existe unha dependencia entre as cotizacións actuais e as pensións, xa que se trata dun sistema solidario e interxeracional.
En poucas palabras, unha importante parte dos salarios e das pensións transvasáronse ao beneficio empresarial, no esencial ás grandes corporacións.
Por iso os analistas calculan que na vindeira década poden baixar de media outro 15%.
A solución non está en máis reunións do Pacto de Toledo, ou nas visións alarmistas da demografía.
Está en conseguir un reparto máis xusto do traballo e da riqueza producida. Cartos hai abondo. Máxime en sociedades con este grao de produtividade e tecnoloxía. Mais están mal distribuídos.