A desigualdade é reversíbel

A Comisión Europea sitúa o Estado español como o de maior desigualdade en ingresos da Unión Europea, no pelotón de cola xunto a Grecia, Bulgaria e Lituania. 
Indican que o 20% do tope máis alto ten unhas rendas seis veces e media superiores ao 20% do chanzo inferior, en niveis moi superiores ao período de antes da crise, malia que esta xa se superase no relativo ao PIB. 
O goberno argumenta que está a diminuír o desemprego e que a mellora dos salarios chegará axiña. 
Mais esquece, intencionadamente, que o retroceso se debe ás sucesivas reformas laborais contra a clase traballadora, e que os dados amosan que o medre dos salarios é inferior á inflación, como tendencia dominante. En 2017, un ano de forte avance da economía e exportacións, os salarios levan tres trimestres caendo, marcando a tendencia do período pos-crise.
Para alén da leria, apostouse estratexicamente pola precariedade laboral e a caída dos salarios. Apostouse conscientemente pola desigualdade, coa escusa de que había que facer as empresas máis competitivas para crear emprego. 
Mais a finalidade real era aumentar as taxas de lucro, sen ningún límite, acrecentando os ritmos e a xornada de traballo, e diminuíndo os salarios. 
Ademais, grazas ao mercado único e á globalización, as empresas con maior participación no PIB xa non dependen do consumo interno, o que debilita a acción reivindicativa. Ao que se lle suma o medre da man de obra de reserva (desemprego, inmigración).
Este contexto desfavorábel para a clase traballadora e o sindicalismo combativo, non implica que non se podan gañar loitas. Lembremos as de Bershka e Leche Celta. 
Mais reverter este contexto regresivo para a clase traballadora, que vai a máis, necesita dunha maior unidade por abaixo, na mobilización, de máis organización, militancia e politización, e de atrevemento consciente. 
Só así será posíbel incidir nas prioridades políticas, encetando polas que debe ter a esquerda nacionalista, tamén por coherencia. Isto permitiría construír unha correlación de forzas favorábel á xustiza social, a unha sociedade de iguais. Neste marco, ten prioridade e razón de ser o dereito dos pobos a decidir.

A desigualdade é reversíbel

Te puede interesar