A CRISE NON MARCHOU, É SISTÉMICA

Estaba visto. Pensar que a economía funciona á marxe do contexto é pura utopía. As tensións militares, o medre da explotación, da especulación, da delincuencia organizada, e da desigualdade, comezan a pasar factura. A desaceleración dos BRICS, que serviron de locomotora nos últimos anos, e o retroceso dos Estados Unidos e Xapón, poñen límites á recuperación mundial.  
En Europa, o recuar de Alemaña e o estancamento de Francia, por mor da implicación no conflito na Ucraína e das sancións a Rusia, desinflan as expectativas de crecemento. E malia que Rajoy e Feijóo sigan co discurso triunfalista, o saldo exterior do Estado español medra en números vermellos, e na Galiza  o sector industrial recua.
Son dados preocupantes que non se salvan co turismo, nen alentando o consumo interno. Primeiro, porque o aumento da precariedade laboral, da desigualdade e da pobreza, estreitaron moito a franxa de familias con capacidade adquisitiva abondo para non se ver obrigadas a acudir ao crédito, que orixinaria unha nova burbulla.
Segundo, porque todo fai pensar que, se non se realizan reformas profundas para permitir un mellor reparto do traballo e da riqueza, tanto entre clases sociais como entre territorios, en pouco tempo podemos estar de novo na procura do chan da crise.
Aínda que desta volta, cómpre recoñecelo, afectará menos ás estatísticas de desemprego, polo retorno de inmigrantes e o reparto de traballo precario mediante contratos a tempo parcial.
Mais iso non resolve os problemas de fondo, xa que engade unha nova categoría: a dos que teñen emprego mais non son quen de gañar para vivir. Son as consecuencias das saídas cosméticas, que redistribúen a pobreza en troques de eliminala.
O abraiante é que, máis unha vez, a resposta do Goberno será (en beneficio das clases dominantes) impoñer unha maior regresión nos dereitos laborais e democráticos, nas prestacións sociais e na presión fiscal.
Un círculo vicioso que progresivamente vai afundindo na pobreza, na precariedade ou na maior estreiteza económica, a 2/3 da poboación, ou sexa, ás clases populares. E, dígase o que se diga, isto non se fai por ignorancia ou impotencia.

A CRISE NON MARCHOU, É SISTÉMICA

Te puede interesar